Lucía Noia: "Estas actividades son como un medicamento máis para as mulleres con cancro"

Lucía Noia contou co apoio do Concello de Oleiros e da Universidade da Coruña. (Foto: Nós Diario)
Lucía Noia, creadora do proxecto Actividade física adaptada para mulleres que se atopan nun proceso oncolóxico, explica no que consiste o programa e as melloras que supón para as participantes. Noia expón que a iniciativa non consiste só na actividade física, senón que tamén se imparten charlas e clases nas que as propias mulleres poden falar, expresárense e aconsellar ás súas compañeiras. Ademais, Noia asegura que as mulleres non deben ter medo a participar, pois as actividades están adaptadas a cada persoa.

Avante Pouca

En que consiste o proxecto?
Este proxecto foi o meu Traballo de Fin de Grao e levouse a cabo en colaboración co concello de Oleiros e coa Universidade da Coruña. Cando o concello difundiu o programa chamouno Móvete máis e entrou no primeiro plan de igualdade. O traballo consistiu en facer un programa adaptado a mulleres con calquera tipo de cancro para tratar de mellorar as súas vidas. O único requisito para participar era que pasasen por tratamentos oncolóxicos e que tivesen a aprobación do médico ou médica para realizar exercicios de actividade física. A súa finalidade era conseguir que estas mulleres se sentisen mellor fisicamente, pero tamén crear un grupo entre elas para que socializasen e tivesen alguén con quen falar.

Persoalmente, descoñecía por completo a enfermidade, por iso me pareceu unha oportunidade perfecta para aprender do tema e intentar mellorar a situación da muller neste ámbito. Penso que é moi necesario, e nesta situación aínda máis. En xeral, sempre se adoita cuestionar a feminidade e, neste caso, os modelos estereotípicos están a perseguilas constantemente: cos tratamentos perden o cabelo, cambian de peso, etc. Con este traballo logramos, dalgunha forma, contribuír ao empoderamento destas mulleres. O proxecto non consiste só na actividade física, senón que impartimos clases, dámos charlas e xuntámonos para falar entre nós. Estas mulleres non se coñecían antes do programa e, realmente, estanse a axudar moito entre elas.

Avante Media 

Que tipo de actividades fan?
Creamos dous grupos para estabelecer dúas intensidades. Elas mesmas poden elixir en que grupo prefiren facer a sesión do día dependendo da enerxía coa que se atopen. Na intensidade media-baixa adoitamos facer ioga, exercicios de mobilidade e actividades lixeiras. No grupo de intensidade media-alta facemos outro tipo de adestramentos, como rutinas de forza con gomas elásticas, pilates, etc. O obxectivo é que elas se sintan cómodas e que marchen cunha sensación agradábel para a casa. Vemos que as mulleres están moi agradecidas e que os beneficios que lles achegan este tipo de actividades son como un medicamento máis para elas. Asisten sempre que poden porque notan que melloran. Había algunha que viña incluso o día seguinte de pasar por unha sesión de quimioterapia.

O programa dura 18 semanas, de setembro a xuño. Este ano supón a terceira edición e realmente vemos que interesa. Comezamos con 11 mulleres, pero ao ano seguinte xa eran 28. Actualmente, non son tantas pola Covid, pero seguimos coas clases ao aire libre. Penso que si pode ser un proxecto que perdure no tempo. Ademais, cómpre engadir que o concello de Oleiros aceptou moi ben a actividade desde o comezo e foi este quen me proporcionou os materiais e quen puxo o pavillón á miña disposición. 

Avante Toda

Que plans hai de futuro en relación ao proxecto? 
A idea é intentar que o proxecto nos leve a un doutorado. Esa é a miña perspectiva. Metinme tan de cheo no tema que lle comecei a dedicar moitas máis horas das previstas. Traballei moito, pero con gusto, motivoume enormemente e notaba que me completaba.

Eu sempre quixen contribuír dalgunha maneira á sociedade. Penso que os coñecementos non poden quedar nun ordenador, hai que poñelos en marcha, e iso foi o que eu fixen. Ademais, sería moi interesante crear unha rede de programas deste estilo por toda a Galiza. As mulleres que queren participar non deben ter medo ás actividades físicas que preparamos, pois están adaptadas a cada persoa.