A actividade xudicial aumentou perto de 12% no primeiro trimestre do ano

Xulgados de Ferrol. (Foto. Nós Diario).
Os órganos xudiciais galegos resolveron un 18,5 % máis de casos nos tres primeiros meses de 2021.

Os xulgados e tribunais galegos recibiron no primeiro trimestre do ano un 11,8% máis de asuntos e resolveron 87.155 casos, un 18,5% máis que no mesmo período de 2020, cando finalizaron 73.312.

Son datos do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a partir das estatísticas do Consello Xeral do Poder Xudicial. O informe que recolle todas as cifras de actividade, divulgado esta sexta feira, reflicte a incidencia que tiveron o confinamento e a suspensión da actividade xudicial non esencial, pois os órganos da comunidade autónoma tiñan o 1 de xaneiro 167.852 asuntos en trámite, un 7,4% máis que a principios de 2020, e terminaron marzo con 161.572 procedementos pendentes, un 3,7% menos que ao comezo do período e un 4,3% máis que nas mesmas datas do ano anterior.

"Esta diminución do número de casos pendentes con respecto ao comezo do período demostra o esforzo que se está realizando por parte de todo o persoal da Administración de Xustiza da Comunidade", sosteñen desde o TSXG.

De acordo cos datos publicados, a actividade dos xulgados e tribunais de Galicia experimentou durante o primeiro trimestre de 2021 un aumento en todas as xurisdicións. En total, os órganos xudiciais ingresaron 81.761 asuntos, un 11,8% máis que no mesmo período de 2020, cando recibiron 72.877 casos.

A taxa de litioxidade, é dicir, o número de procedementos por cada mil habitantes, situouse na Galiza en 30,3 fronte aos 33,2 de media estatal.

Datos por xurisdiccións

Na xurisdición civil, o número de casos ingresados en Galicia no primeiro trimestre do ano foi de 38.907, o que supón un aumento do 20,8% respecto ao mesmo período do ano anterior. Nese tempo resolvéronse 40.830 asuntos, un 27,1% máis que en 2020, quedando en trámite ao final de marzo 87.073, un 7,2% máis.

Na xurisdición penal entraron 31.885 asuntos, 221,42 de media por órgano xudicial, o que supón un 0,7% máis que no primeiro trimestre de 2020. O número de casos resoltos foi de 34.647, e o de asuntos en trámite ao final do período, de 39.187, un 0,9% menos que o ano pasado.

Na xurisdición contencioso-administrativa ingresaron 2.429 casos entre os pasados 1 de xaneiro e 31 de marzo, o que supón un 18,1 % máis que no mesmo período do ano anterior. Resolvéronse 2.658 asuntos, un 33,3 % máis, e quedaron en trámite 7.370, un 3% máis que en 2020.

Por último, a xurisdición social tamén experimentou un incremento na entrada de procedementos, xa que os 8.540 ingresados representan un 18,5% máis que no primeiro trimestre de 2020. O número de asuntos resoltos nesta xurisdición foi de 9.020, un 25,9% máis, e quedaron en trámite ao final do período 27.942, un 3,7% máis.