A actividade acústica reduciuse na Galiza até en 70% co estado de alarma

A Rúa Romero Donallo, sen tráfico (Arxina)

Os datos rexistrados nas últimas semanas pola Rede galega de estacións con sonómetros revelan que o confinamento da poboación e as restricións impostas a raíz da pandemia da COVID-19 están a ter un impacto directo e significativo no ruído ambiental que soporta habitualmente Galiza.

Así, MeteoGalicia conclúe que a partir dos datos obtidos no que levamos de estado de alarma, pódese avanzar que a actividade e o impacto acústico na Galiza experimentou unha diminución de entre 60% e 70%.

Segundo os datos preliminares recabados por MeteoGalicia, o impacto a nivel acústico durante as dúas primeiras quincenas de confinamento foi moi similar, cunha diminución media dos niveis de ruído de entre 4 e 5 decibelios

Así mesmo, o organismo público tamén deu a coñecer o seu Informe de Ruído Ambiental -o oitavo que elabora ata o momento e o quinto de carácter obrigatorio-.

Tráfico e lecer

Entre as principais conclusións, o tráfico e os eventos de lecer seguen a ser os principais axentes de contaminación acústica da Galiza. Neste sentido, o informe fai fincapé en que unha actividade de lecer aínda que sexa puntual, ten unha gran repercusión sobre os valores de ruído anuais, sendo un factor que dispara os índices de ruído no lugar no que se desenvolve, especialmente porque acontecen en horario nocturno. A modo de exemplo, se se comparan os valores acadados por un temporal e os dun evento de lecer nunha zona residencial, os resultados son claramente superiores no segundo caso en canto aos valores equivalentes.

Galiza foi no seu momento un dos territorios pioneiros na regulación da contaminación acústica. De feito, hoxe en día conta cunha Rede de Ruído integrada por nove estacións con sonómetro, representativas todas elas dunha cidade tipo galega..

A contaminación acústica é unha das alteracións ambientais que máis preocupación social produce en termos de poboación afectada. Actualmente estímase que en Europa dúas de cada tres persoas están sometidas a niveis de ruído molestos. Isto repercute na súa calidade de vida, chegando a provocar diversos trastornos.