Un lume descontrolado ameaza vivendas en Porto do Son

Tarefas de extinción dun lume por parte dos bombeiros (Foto: Nós Diario)
A Consellería do Medio Rural activou a alerta por proximidade a casas no incendio forestal que desde o día de hoxe afecta 20 hectáreas no municipio de Porto do Son

A Consellería do Medio Rural activou a alerta por proximidade a casas no incendio forestal que desde o día de hoxe afecta o municipio de Porto do Son. Segundo informa a conta de Twitter '@Incendios085' a proximidade das chamas ao núcleo de Queiro, na parroquia de Nebra, obrigou a decretar a coñecida como 'situación 2'.

Esta é a primeira vez nesta campaña de incendios que a Xunta toma esta medida de alerta ante a proximidade de incendios a núcleos habitados. Segundo as primeiras estimacións, a superficie afectada ascende a 10 hectáreas.

O de Porto do Son é un dos tres incendios forestais que se atopan activos na Galiza xunto con outros dous que afectan os concellos ourensáns de Padrenda e A Gudiña.

Segundo informa a Consellería de Medio Rural, o lume de Padrenda, na parroquia de Crespos, conta con tres focos, e iniciouse ás 15.20 horas. Traballan catro helicópteros, dous avións, tres motobombas, nove brigadas e un axente.

Pola súa banda, o incendio na parroquia de Nebra, en Porto do Son, iniciouse ás 16,51 horas. Tres helicópteros, dous avións, catro motobombas, unha pa, sete brigadas e dous axentes participan nas tarefas.

O terceiro lume activo iniciouse ás 17,28 horas na Gudiña, concretamente na parroquia de San Lorenzo de Pentes. Colaboran un helicóptero, dúas motobombas, catro brigadas e dous axentes.