Medio Ambiente

Activada a alerta por escaseza de auga no sistema de abastecemento do río Mero, Arteixo e ría da Coruña

Encoro de Cecebre, en Cambre. (Foto: Nós Diario)
As reservas do encoro de Cecebre, que abastece a zona, están por baixo da metade da súa capacidade.

A Xunta da Galiza declarou esta cuarta feira a alerta por escaseza de auga no sistema de abastecemento do río Mero, a ría da Coruña e o concello de Arteixo. Segundo trasladaron desde o Executivo, esta medida, de carácter preventivo, foi adaptada logo de comprobar a evolución das reservas do encoro de Cecebre, cunha ocupación actual de 46,95%, que "reflicte unha anomalía" con respecto aos seus valores medios.

Con todo, aínda que a situación é preocupante, ante a incerteza na evolución do volume de auga encorada en Cecebre para as próximas semanas e na capacidade da Coruña e a súa contorna para diminuír as súas demandas, "non é alarmante a curto prazo" desde o punto de vista do abastecemento que se vale dese sistema.

A directora de Augas da Galiza, Teresa Gutiérrez, presidiu durante esta xornada unha nova reunión da Oficina Técnica da Seca na que avaliou a situación hidrolóxica e meteorolóxica das diferentes concas de Galiza-Costa, competencia da Xunta. En concreto, no sistema de explotación do encoro de Cecebre, na conca do río Mero, Arteixo e ría da Coruña, a declaración de alerta prodúcese por atoparse a ocupación do encoro por baixo da media dos últimos anos.

Nesta xuntanza confirmouse o mantemento da situación de prealerta ou escaseza moderada dos sistemas do río Anllóns, costa da Coruña —até o límite de Arteixo—, río Grande, ría de Camariñas e Costa da Coruña —até o río Anllóns— e río Lérez e ría de Pontevedra.

Ademais, manteñen as medidas equivalentes a un escenario de prealerta ou de escaseza moderada no subsistema de Baiona, situado no sistema de explotación do río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona.

Tamén se confirmou o mantemento da activación da situación de seca prolongada, que mide fundamentalmente as precipitacións rexistradas, nos sistemas de explotación do río Medo a Ferrol, e do río Mera á ría de Ribadeo.

A situación do resto de sistemas de abastecemento da demarcación de competencia galega teñen nivel de normalidade. A ocupación actual dos encoros de abastecemento de Galiza-Costa é de 65,94%, case seis puntos por riba da ocupación do mesmo período do ano 2022.