Acrecéntanse as críticas a Educación polo “despropósito” na xestión da alerta pola neve

Reprochan a súa “deixación de funcións” ao descargar en familias e centros a responsabilidade.

 “Despropósito”, “sen sentido” ou “irresponsabilidade” son algunhas das expresións que nestas horas se realizaron a raíz da decisión da Consellería de Educación de suspender o transporte escolar (suspensións diferentes segundo concellos) mais manter as aulas, deixando a decisión de mantelas ou non a cada centro.

Se os sindicatos se mostraron críticos co papel da Consellaría, as familias non fican atrás, denunciando que moitas se enteraron a última hora da decisión e os prexuízos que ela xera cando cunha mínima previsión non se `producirían.

CIG-Ensino volveu poñer sobre a mesa a necesidade de que se negocie un protocolo de actuación ante a previsión de diferentes fenómenos meteorolóxicos adversos “e que non se traslade a responsabilidade ás dirección dos centros”. E criticou con dureza que “ante un tema de seguridade para a integridade física, a Consellaría non actúe con coherencia e non asuma as súas responsabilidades para garantir a seguridade de todos os sectores da comunidade escolar”.

Desde o STEG non consideran de recibo que a Consellaría descargue a responsabilidade nas familias e centros de ensino. Explica que “o lóxico” sería suspender as aulas alí onde se suspendeu o transporte escolar.