O acoso sexual nos espazos públicos, a violencia cotiá contra as mulleres

Metro en Taipei. Flickr (Antonio Tajuelo)

Piropos, tocamentos, miradas… o acoso sexual en espazos públicos é unha das formas de violencia máis comúns que sofren as mulleres cada día e representa a forma de violencia sexual culturalmente máis normalizada.

Cando falamos de violencia sexual na rúa referímonos a un amplo abano de fenómenos que abranguen desde os asubíos e piropoaos tocamentos, comentarios obscenos ou á masturbación. Calquera muller pode dar conta dalgún tipo de acoso sexual en espazos públicos, pois estas prácticas cotiás representan a forma de violencia sexual culturalmente máis aceptada e normalizada na sociedade patriarcal. De feito, hai quen non considera violencia contra as mulleres os piropos ou as apelacións explicitamente sexuais. Aínda que teñen lugar en calquera época do ano, as festas e a desinhibición provocada polo alcohol implican un aumento destes casos na época estival.

A quen non lle sobaron as nádegas ou o peito un descoñecido na rúa, nun bar ou á entrada dun concerto? Quen non cambiou de beirarrúa para non cruzar cun descoñecido que lle profería? Quen non mentiu e lle dixo a un mozo que tiña parella para evitar o acoso? A violencia sexual posúe diversas facianas, das máis visíbeis e explícitas ás máis sutís. Reproducimos, a continuación, testemuños que dan conta do acoso sexual que sofren as mulleres.

Rocío ten 35 anos. Conta que nunha discoteca que frecuentaba “sobáronme en varias ocasións”. “Chegueime a enfrontar a quen o facía, até o punto de que unha noite unha das miñas amigas insistiu en irnos porque ían acabar pegándonos”, sinala. Tamén explica que a semana pasada “ía pola rúa camiño da casa e un tipo descoñecido pegóuseme á cara para dicirme ¡qué buena estás!, mandeino á merda e contestoume ¡que te den zorra!”. Verónica, de 39, cóntanos como gañou o alcume de “borde”: “decidín deixar de falar con descoñecidos nos pubs porque máis dunha vez púxenme a conversar media noite cun home e cando vía que non pretendía deitarme con el chamábame calientapollas”.

María, de 27 anos, lembra cando estaban edificando enfronte da casa de seus pais e cada día tiña que escoitar comentarios obscenos, “pasábao mal porque eran moitos, unha vez cansei e advertinlles que falaría co seu encargado, pero todo seguiu igual”. “É curioso, porque quen tiñan que avergonzarse eran eles e avergoñábame eu cando proferían as faltadas e oía algún veciño meu”, engade. Silvia e Ana, de 30 e 31 anos, aluden ao día en que estaban esperando o tren na estación da súa vila e un descoñecido, dentro dunha furgoneta, lles ensinou o pene e masturbouse diante delas. “Igual non chegabamos aos 20 anos, foi noxento, e só o comentamos coas nosas amigas, nin nos atrevemos a contalo na casa”, narran.

Socorro, de 57 anos, reproduce a típica estampa que ten lugar no autobús urbano. “Se algo me pon de malas é ir sentada no autobús e que sente ao meu lado todo escarranchado un home. Por que ten que invadir o meu espazo? Por que ten que tocar as miñas pernas coas súas?”, pregúntase.

A reportaxe, a dupla páxina, ao completo, neste Sermos Galiza nº160, disponíbel nos pontos de venda habituais e tamén na nosa loxa.