Contra o "acoso policial" á poboación inmigrante, poesía

[Imaxe: SG]

O Foro galego de inmigración e o colectivo antirrepresivo Silveira organizan un recital poético-reivindicativo diante da comisaría da policía española en Compostela. A acción enmárcase nos actos da Semana galega de loita contra as fronteiras.


O Foro galego de inmigración e o colectivo antirrepresivo Silveira organizaron para esta quinta feira ás 20h un recital poético-reivindicativo con que rexeitarán o "acoso policial" que a poboación inmigrante sofre na Galiza. A acción consistirá na leitura de textos propios que achegarán @s asistentes e que terán como eixo condutor a persecución que este colectivo ten que aturar por parte da policía.

Tal e como ten denunciado o FGI, os controis policiais en lugares públicos de tránsito e de prestación de servizos básicos, como os centros de saúde, están vinculados a "motivos raciais" e teñen por obxecto levar pres@s @s inmigrantes que se atopan en situación de irregularidade administrativa.

'Salvar' a hospitalidade

A "persecución" que denuncia a organización exténdese até os lugares de residencia ou dos centros de traballo cando os permisos de residencia non son renovados. Nestes casos, e malia que a lexislación permite a imposición de sancións de carácter pecuniario --multas--, "as propias para unha falta administrativa", a policía española procede á detención e posterior expulsión do territorio nacional e estatal.

Aliás, tamén ten sinalado o Foro o "acoso" que padecen os e as traballadoras que se dedican á venda ambulante nas rúas e nos semáforos, nomeadamente na cidade da Coruña. "Tratan como un problema policial unha situación que corresponde ao ámbito de intervención dos servizos sociais", enfatiza o colectivo.

Por derradeiro, o FGI levou ao Parlamento galego a proposición non de lei Salvemos a hospitalidade, que presentou a través de AGE e que contou co apoio do Bloque e do PSdG. O mesmo texto foi debatido tamén no pleno de concellos coma o de Compostela e pretende un cambio no anteproxecto de modificación do Código Penal español, no artigo 318bis. Tal disposición criminalizará a axuda humanitaria --sen ánimo de lucro-- que se lle poida emprestar a persoas inmigrantes.