Acordo para que a vacina de Janssen se administre a persoas de 40 a 49 anos

Caixa coa vacina de Janssen. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
A Comisión de Saúde Pública acepta que a vacinación dese grupo de idade se realice cos fármacos contra o coronavirus de Pfizer, Moderna e Janssen, este último como novidade.

O Ministerio de Sanidade e os distintos territorios do Estado español veñen de acordar que a poboación pertencente ao grupo de idade de 40 a 49 anos poida ser tratada contra a Covid-19 co medicamento de Janssen, xa que até o de agora estaba previsto que a campaña se realizara con outros dous fármacos.

A decisión tomouse esta terza feira no marco da Comisión de Saúde Pública, na que teñen representación todas as partes.

O acordado é que, unha vez remate a fase de inoculación dos remedios ás persoas maiores de 50 anos, vacinarase á cidadanía de entre 40 e 49 anos con Janssen ademais das outras formulacións de ARNm, é dicir, Moderna e Pfizer.

Por outra parte, haberá novas incorporacións de datos para actualizar o documento Actuacións de resposta coordinada para o control da transmisión da Covid-19.

Aliás, fontes do ministerio destacaron que vai seguir o traballo no informe Medidas de prevención, hixiene e promoción da saúde fronte á Covid-19 para as actividades de tempo libre dirixidas á poboación infantil e xuvenil 2021. Precisamente hoxe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, falou desta parte da poboación galega, á que conta con vacinar coincidindo co regreso aos colexios e institutos.

Respecto da inoculación de remedios fronte ao virus, tamén se lembrou ás autoridades dos territorios que inclúan nos seus plans de tratamento aos facultativos de MIR e outras especialidades que se vaian a incorporar á sanidade, para evitar o seu contaxio.

Neste contexto, Sanidade tampouco esquece que hai que seguir a traballar nos tratamentos contra a gripe, particularmente o do ano próximo.