O persoal da CRTVG ratifica o preacordo alcanzado coa compañía "pola consolidación do emprego"

Protesta do persoal da CRTVG contra a temporalidade de longa duración que afecta os medios públicos, na segunda feira. (Foto: Comité Intercentros da CRTVG)
As asembleas aprobaron na tarde desta quinta feira o documento consensuado na terza.

O persoal da CRTVG ratificou na tarde desta quinta feira o preacordo que alcanzou o comité intercentros coa compañía na terza feira, un documento que ficaba supeditado á aprobación do cadro de persoal a través das asembleas.

Con 98 votos a favor, 16 abstencións 5 votos en contra, as e os traballadores do ente público referendaron agora o preacordo, que compromete "a aplicación nos medios públicos de comunicación da Lei de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público".

O acordo, segundo apuntaron desde o comité intercentros a través dun comunicado, permitirá ofertar 270 prazas, das que 255 procederán dun concurso de méritos e as 15 restantes do sistema de concurso-oposición.

A representación do persoal "agradece a participación nas consultas" e reafirma o seu compromiso "na defensa pola estabilización do emprego temporal", que "non acadará a fixeza a través deste proceso".

A piques de ir á folga

Esta semana principiou co anuncio do comité de facer un paro parcial na xornada desta cuarta feira, que finalmente non se realizou por mor dese preacordo coa empresa.

Estas accións xurdiron como resposta a unha "oferta insuficiente" de prazas nos medios públicos, "que non recolle unha solución real a toda a temporalidade que desde hai décadas arrastra a CRTVG".

"A actual oferta da empresa [en alusión á proposta anterior ao preacordo da cuarta feira] suporía, segundo cálculos da parte social, uns 40 despedimentos de compañeiras indefinidas que, ante o non recoñecemento de toda a temporalidade de longa duración existente na CRTVG, non terán opción real de consolidar nas prazas xeradas polas súas sentenzas xudiciais", subliñou o persoal que convocou as protestas.