É o mesmo mozo que propinou unha puñada a Raxoi en 2015

Acordo extraxudicial para o agresor dun dirixente de Vox en Pontevedra ficar absolvido

Evaristo Montoya, o avogado do mozo absolvido

O mesmo mozo que atacou Mariano Raxoi en 2015, lance polo que foi condenado a dous anos de reclusión nun centro de menores, acaba de chegar a un acordo extraxudicial polo que fica libre de cargos após ter agredido ao coordenador provincial de Vox en Pontevedra, Juan Manuel Rosales

A.de V.F, de 21 anos, pediu perdón a Rosales por o ter atacado cando este repartía propaganda de Vox o pasado 9 de marzo perto da praza de abastos de Pontevedra.

Pesaba sobre el unha acusación por un delito de lesións leves, polo que ficará absolvido ao se producir un acordo extraxudicial. A.V.F e Rosales víronse esta terza feira nos xulgados e o mozo, que xa o fixera días atrás, voltou a pedir perdón ao dirixente do partido ultra.

"As partes deciden non entrar e o que se consegue é a absolución", dixo aos medios o avogado do agresor Evaristo Montoya, quen precisou que o acordo leva consigo unha indemnización por volta dos 400 euros.

De acordo co informe forense, a consecuencia da agresión o coordenador provincial de Vox presentaba cortes en meixela e beizos e un negrón nun ollo.

O acordo entre as partes levou aparellada a retirada da denuncia por parte de Rosales, o que levou a Fiscalía a pedir a absolución por falta de probas.