Acompañar a cativada nas redes sociais, chave para evitar as malas prácticas

Un mozo navega pola Internet co seu ordenador (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).
Expertas explican como navegar libres de ciberameazas no Día da Internet Segura. A prohibición, aseguran, non é a resposta.

Esta terza feira conmemórase o Día Internacional da Internet Segura, nun momento no que a rede é o medio natural que teñen as e os cativos para relacionárense entre si e as ameazas presentes na mesma son cada vez maiores. Porén, é perigoso realmente navegar pola internet?

"Hoxe falamos de sexting ou de ciberacoso, mais son problemas que sempre existiron, especialmente o acoso escolar. O que mudou agora foi o medio, como tamén se adaptou nos últimos anos o Código Penal", apunta en declaracións a Nós Diario a avogada María Jesús Boo, que vén de publicar xunto ás súas compañeiras de Rede Talento Consultoras a guía educativa 'Ciberdelitos de natureza sexual'.

Boo está a traballar con nenos e nenas de diferentes vilas para conciencialos sobre os perigos que entraña a rede. "As mozas son quen máis o sofren por mor da desigualdade e os prexuízos históricos. O máis común é o sexting, que consiste en enviar fotos ou vídeos de contido erótico e non é un delito, senón unha práctica de risco, porque cando publicas algo na nube perdes o control sobre a súa distribución", explica.

Outra práctica moi estendida, asegura, é o stalking ou espionaxe a través do móbil. "Hai rapaces que controlan todo o tempo a unha persoa pola súa actividade nas redes", engade.

Con todo, Boo considera que a solución non é prohibir o uso da internet "a quen fai un uso correcto", senón denunciar as malas prácticas e prever a cativada dos posíbeis riscos: "Hai quen non denuncia porque non sabe como facelo, mais hoxe os protocolos son moi efectivos, sobre todo nos colexios", sinala, e salienta que os pais e nais non deben "actuar de forma distinta" co uso da internet a respecto dos demais eidos da vida social: "Se controlas a que hora volve á casa o teu fillo, con quen estivo e que fixo, por que non fas o mesmo na rede?", pregúntase.

Na mesma liña apunta Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática da Galiza: "No canto de prohibirlles acceder á internet, debemos fomentar unha relación de confianza entre pais e nenos para que acudan a nós cando teñen un problema", argumenta, con "coñecemento de causa", xa que é pai de dous fillos.

Para el, a mellor forma de educar as e os mozos no uso destas tecnoloxías é abrirlles un perfil nas redes sociais a unha idade temperá custodiada polos pais para que, cando teñan autonomía, "saiban que facer e que non".

Suárez defende os mecanismos de control parental para evitar o acceso da cativada a contidos inapropiados, mais matiza: "Non substitúen o labor das nais e os pais, que debemos educar os nosos fillos e indicarlles o que deben saber para navegar con seguridade. E é algo recíproco, porque eles tamén teñen moito que ensinarnos", expón.