As achegas da Xunta á formación posdoutoral caen máis de 10% en 2019

Claustro do Pazo de Fonseca, USC

A publicación no Diario Oficial da Galiza (DOG) da resolución das axudas conxuntas das consellarías de Educación e Economía á etapa de formación posdoutoral nas universidades do Sistema Universitario de Galiza, en organismos públicos de investigación e noutras entidades do Sistema de I+D+i revela un descenso tanto na achega do Goberno galego como no número de persoas beneficiarias.

A Xunta vén de facer pública no Diario Oficial da Galiza (DOG) do 4 de outubro a resolución das axudas de apoio á etapa posdoutoral no Sistema Universitario de Galiza (SUG) e noutras entidades, que revela un descenso de 10% tanto na cantidade investida polo Goberno galego como no número de achegas a respecto do ano anterior.

En concreto, en 2019 as consellarías de Cultura e Educación e de Economía destinaron un total de 5.729.000 euros a esta liña de achegas, 10,35% menos en comparación cos 6.390.240 euros investidos na modalidade “A” desta liña de apoio á etapa inicial de formación posdoutoral en 2018.

Ese descenso tamén se produce no referente ao número total de axudas, que pasa das 52 de 2018 ás 46 en 2019, 11,53% menos, sendo a principal prexudicada a Universidade da Coruña (UDC), que perde 75% das achegas, quedando con tan só unha, 12 menos que a de Vigo e 25 menos que a de Santiago.

A Universidade da Coruña perde o 75% das achegas

A UDC queda por baixo mesmo das tres do Instituto de Ciencias de Patrimonio do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e as mesmas que o Instituto de Investigacións Mariñas do propio CSIC, a Fundación Novoa Santos e a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela.

Financiamento con compromiso de retorno

O obxectivo final desta liña de axudas é a formación de persoal de investigación doutor a través do financiamento dun contrato de estadía para tituladas superiores, sendo este de dous anos no estranxeiro e dun ano na Galiza (ao retorno desta estancia).

O importe das axudas nesta modalidade concédese a fondo perdido e destínase a pagamento dos contratos, custos sociais e complementos a cada entidade beneficiaria por persoa contratada. No referente á súa contía, teñen un importe máximo máximo de 49.900 euros brutos anuais por cada unha delas, con contías variábeis en función do destino dos dous primeiros anos de estadía, baixando até os 38.000 na denominada “fase de retorno”.

Ademais, as axudas destinadas ás persoas investigadoras que obteñan a condición de bolseiras Fulbright (un prestixioso programa desenvolvido polo Goberno dos Estados Unidos) teñen unha dotación complementaria de 5.000 euros por ano de estadía, sendo este ano os beneficiados dous científicos, Xabier García Feal e Gonzalo Pérez de Lis. Cada un deles recibirá 3.366,67 euros de achega.