Achan unha balea nos peiraos da Estación Naval da Graña, en Ferrol

A balea morta nos peiraos de Ferrol (Foto: Armada Ferrol).
Tras ser atopado, o cetáceo permaneceu baixo supervisión para controlar que non implicase perigo algún para a navegación.

Un cetáceo de oito metros de lonxitude, cría de rorcual común, foi achado morto na mañá desta sexta feira flotando en augas dos peiraos da Estación Naval da Graña, en Ferrol.

Nun comunicado, a Armada explica que o achado foi efectuado por persoal de garda da Estación Naval durante unha das súas roldas de vixilancia nas instalacións portuarias do recinto militar e atopábase á boia nas proximidades dos peiraos de embarcacións menores.

Tras ser atopado, o cetáceo permaneceu baixo supervisión para controlar que non implicase perigo algún para a navegación no caso de que fose arrastrado por posíbeis correntes até ser retirado polos medios adecuados.

A Armada explicou que avisou de forma "inmediata" ao Centro de Coordinación e Servizos da Autoridade Portuaria de Ferrol - San Cibrao (CCS) e á Coordinadora para o Estudo dos mamíferos mariños da Galiza (CEMMA), así como o Servizo de emerxencias 112 e á Estación Biolóxica da Graña para a adopción das medidas oportunas respecto á retirada do cetáceo, que xa foi efectuada.