Achan morta unha muller na súa casa de Moaña e un home nun coche na parroquia de Domaio

A Policía Local deste concello atendeu os dous avisos. (Foto: Nós Diario)
Ambos os casos deberíanse a causas naturais, segundo as autoridades policiais.

A Policía Local de Moaña tivo que acudir este pasado domingo, 1 de xaneiro, a dous incidentes ocorridos no devandito concello, logo de que unha muller fose achada sen vida no seu domicilio e outro home aparecese morto dentro do seu coche.

A pesar de que, segundo fontes policiais, todo apunta a causas naturais, foron os propios familiares da falecida os que alertaron aos axentes, indicando que a muller morrera na súa casa da zona de Abelendo. A vítima presentaba problemas de saúde previos.

Minutos despois, cando os reloxos xa pasaban das 14 horas, outra chamada alertaba de que un home aparecera dentro dun coche con síntomas de sufrir un paro cardíaco.

Este segundo incidente produciuse na parroquia de Domaio, no meso municipio, e, ao chegar os efectivos sanitarios, o home xa falecera.

Acoitelamento en Compostela

Por outra parte, un mozo tivo que ser trasladado en estado grave ao hospital na mañá desta segunda feira tras ser apuñalado durante unha pelexa en Santiago de Compostela. En concreto, segundo a información trasladada polos servizos de emerxencias, o suceso ocorreu pouco despois das 7 horas, á altura do número 15 da rúa Santiago de Chile.

Foron varias as persoas que chamaron ao 112 para pedir axuda sanitaria para un mozo, que resultara ferido o marco dunha pelexa. Até a zona desprazáronse efectivos da Policía Local e da Policía Nacional, así como dúas ambulancias do 061, que prestaron asistencia aos dous implicados na pelexa.

Con todo, só trasladaron ao Hospital Clínico de Santiago a un deles, un mozo de 31 anos que, segundo fontes coñecedoras do caso, presentaba unha ferida de arma branca.