Achan evidencias dunha posíbel relación xenética entre a Covid-19 e o cancro

Federico Martinón (esquerda) e Antonio Salas (dereita), profesores da USC. (Foto: Santi Alvite)
Unha investigación da USC conclúe que, se ben aínda non se pode demostrar unha relación causal, os resultados sentan "unha base o suficientemente sólida como para iniciar estudos no ámbito clínico e epidemiolóxico".

Un estudo realizado por persoal investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) detectou evidencias moleculares da posíbel relación xenética entre a infección da Covid-19 e o cancro.

"Isto non demostra unha relación causal entre o SARS-CoV-2 e o cancro, pero no caso de que estudos máis grandes en mostra e extensos en seguimento así o confirmen, o impacto na saúde pública mundial sería enorme", sinalaron os responsábeis da investigación, dirixida polos profesores da USC Antonio Salas e Federico Martinón xunto con Alberto Gómez Carballa, do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS).

Segundo informou a universidade, o proceso consistiría, con base nas evidencias do estudo, en que os antíxenos do SARS-CoV-2 "secuestran" a proteína oncosupresora p53, levando á súa dexeneración por dano oxidativo.

Desta forma, segundo o persoal investigador, o SARS-CoV-2 aproveitaría as vías controladas por p53 durante a fase de infección, eludindo as respostas inmunitarias.

Así, isto implicaría que a inhibición a longo prazo desta proteína por parte do SARS-CoV-2 podería supor un factor de risco de carcinoxénese —proceso polo que se orixina o cancro—.

Durante o estudo obtívose evidencia de que pacientes na fase aguda da Covid-19 e os de infección con Covid-19 persistente mostraban unha baixa presenza de p53.

"A nosa evidencia orixínase no ámbito da expresión xénica, o que nós denominamos a transcriptómica. O feito de que atopásemos unha evidencia converxente en tres estudos independentes senta unha base o suficientemente sólida como para iniciar estudos no ámbito clínico e epidemiolóxico que permitan botar luz sobre este posíbel vínculo", precisaron.