Acciona xa ten luz verde para iniciar a dragaxe da ría do Burgo

A Ría do Burgo leva décadas soportando verteduras (Foto: Ministerio de Transición Ecolóxica)
A Xustiza rexeita o último recurso, o que permite Acciona asinar o contrato para o comezo dos traballos. Mentres, as mariscadoras seguen exixindo unha compensación por ter que parar a súa actividade mentres duren as obras de dragaxe.

Após décadas de espera, o inicio dos traballos para a dragaxe da ría do Burgo é xa cuestión de días. Aínda tardaranse en ver as máquinas, xa que as primeiras labores centraranse na protección da flora e a fauna, mais a boa noticia é que Acciona e Matías Arrom Bibiloni, as adxudicatarias do concurso convocado polo Ministerior para a Transición Ecolóxica, xan teñen vía verde para asinar o contrato após que o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais rexeitase o recurso interposto por outra das empresas que se presentara ao concurso.

Acciona, en UTE (unión temporal de empresas) con Matías Arrom Bibiloni, adxudicouse o contrato o pasado 2 de xullo, cunha oferta de 32,23 millóns de euros e un prazo de execución de 26 meses. As obras deberán comezar antes de que finalice este ano, xa que están cofinanciadas por fondos europeos de desenvolvemento (FEDER) que esixen que se inicien no ano en curso.

A obra, da que se comezou a falar en 2012, suporá a dragaxe de 583.337 metros cúbicos de sedimentos na zona interior da ría, dos que 174.284 metros cúbicos están considerados perigosos, polo que se depositarán en recintos estancos xunto ao estuario que, ademais, permitirán a creación de espazos verdes e novas superficies para o disfrute da cidadaníia. 

Os lodos menos perigosos, pola súa banda, serán verquidos mar adentro, mentres que outros 185.690 metros cúbicosde áridos das canles e dos bancos marisqueiros quedarán na ría e na veciña praia de Santa Cristina.

Mariscadoras sen solucións

Porén, o comezo dos traballos non supón resolver outro dos problemas que afectan a dragaxe, como é o da continuidade das mariscadoras, que quedan sen bancos onde mariscar.

En setembro de 2020, a Consellería do Mar acordaba suspender os plans de explotación das mariscadoras que faenan na ría do Burgo. Daquela, o colectivo de traballadores e traballadoras do mar solicitou unha compensación polos máis de dous anos que durarán as obras e nos que non van poder mariscar.

Porén, a falta de acordo entre Xunta e Estado español a este respecto fai que estas traballadoras e as súas familias sigan aínda á espera dunha solución. Precisamente, estas dúas Administracións son as responsábeis de que se leve falando deste tema máis de dez anos sen que aínda se teña sacado nin un só lodo. 

Tivo que ser Bruxelas, a través dun mandato, a que obrigara a rexenar a ría do Burgo. A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, mediara para traer en 2013 unha delegación da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo a visitar o estuario, tal e como pedían a Confraría de Pescadores e a Plataforma en Defensa dá Ría do Burgo.