Acción en Compostela de Maternidades Feministas contra os “ventres de alugueiro”

Denuncian a “legalización encuberta” que ao seu xuízo supón a instrución que permite a inscrición destes bebés nos consulados españois.

A Asociación de Maternidades Feministas Galegas, Materfem, realizou este sábado na compostelá praza do Toural unha acción para denunciar o “branqueamento e banalización” á que se ten sometido recentemente o fenómeno dos “ventres de alugueiro”, eufemisticamente coñecida como “Xestación subrogada”.

As mulleres integrantes deste colectivo quixeron denunciar a legalización encuberta que supón a Instrución que permite a inscrición destes bebés nos consulados españois.

Nun manifesto que repartiron durante a acción, criticaron “unha práctica que consiste en poñer a disposición de terceiros o corpo das mulleres para que xesten e paran nenos e nenas que lles entregarán a esas persoas que os encargaron. E desta práctica deshumanizadora, que pon prezo de mercado aos procesos que forman parte da sexualidade da muller como o embarazo e o parto, forman parte dentro dunha cadea de produción mercantilista un grande número de axencias intermediarias, laboratorios, clínicas, profesionais do Dereito..., que operan principalmente en países con altas cotas de pobreza feminine”.

Afirman que a cifra “de negocio a nivel global" estímase en 6.000 millóns de dólares anuais e o número de bebés nacidos deste xeito son por volta de 20.000 ao ano en todo o mundo.

“No Estado Español o nacemento de bebés por "xestación subrogada" está prohibido e de feito esta aparece tipificada como delito no artigo 221 do Código Penal, castigado con penas de prisión de 1 a 5 anos tanto para a persoa que recibe a criatura como para a que actúe como intermediaria. Aínda así no ano 2010 aprobouse unha instrución (Instrución de 5 de outubro de 2010) que permite a inscrición destes bebés nos consulados españois en determinados supostos, o que supón unha legalización encuberta e un coladoiro que se mantén vixente a día de hoxe por máis que se anuncien medidas punitivas que deixan ás leis que protexen a filiación por parto e os dereitos das criaturas en papel mollado”.