Que sabemos do derrubamento do escenario do Son do Camiño?

O traballador que segue ingresado na UCI en estado grave tería caído dunha altura de 30 metros. (Foto: Arxina)
Foi o mesmo palco que utilizaron os Rolling Stones no Wanda Metropolitano de Madrid o pasado 1 de xuño.

Na mañá da pasada sexta feira, mentres se realizaban os labores de montaxe, caeu a estrutura do escenario principal do festival O Son do Camiño e varios traballadores quedaron atrapados.

Agora, mentres un deles fica ingresado na UCI pola gravidade dos danos sufridos, persoal técnico do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) e da Inspección de Traballo está a estudar as causas do sinistro.

O vento... culpábel?

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, atribuía a "un refacho de vento" a caída do palco, se ben precisaba que aínda se estaban a investigar as causas e non pasaran entón nin 24 horas do accidente.

Mais preguntado tamén este sábado sobre se o motivo puido ser ese 'efecto vela', o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, optou por non pronunciarse para evitar "elucubracións" para "non dicir cousas que non son reais" e agardar á presentación dos informes definitivos.

O escenario dos Rolling Stones

Segundo transcendeu nas últimas horas en diferentes medios de comunicación —e puido confirmar este xornal—, o escenario que caeu no Monte do Gozo de Compostela foi o mesmo que só uns días antes, o pasado 1 de xuño, utilizaron os Rolling Stones no Wanda Metropolitano de Madrid. É un palco frecuentemente montado e desmontado —e desprazado— por diferentes cidades.

Caída desde unha altura elevada

A maioría dos operarios hospitalizados recibiron xa a alta, mais quedan outros tres ingresados, un deles, o que presenta un prognóstico de maior gravidade, na UCI. Porén, desde a Administración galega apuntaron que os tres evolucionan "favorabelmente".

O traballador que máis danos sufriu tería caído desde unha altura de 20 metros cando se derrubou o escenario, mentres os demais tiveron lesións após caerlles enriba a estrutura.

O festival non se cancela

A organización do Son do Camiño confirmou este sábado que o festival se celebrará nas datas previstas: 16, 17 e 18 de xuño, no Monte do Gozo de Compostela. Con todo, após o accidente, sinalaron que están a traballar "nos axustes pertinentes", que darán a coñecer "proximamente" e que pasarían esencialmente por habilitar un escenario máis pequeno.