A Xunta atribúe a un "refacho de vento" a caída do escenario do Son do Camiño

Ampla despregadura de medios no rescate e atención médica dos traballadores que quedaron atrapados pola caída dun palco do Son do Camiño. (Foto: Arxina)

Alfonso Rueda salienta que "afortunadamente non hai vítimas mortais" e espera que o festival se celebre se hai garantías. "Sería unha magnífica noticia", dixo. Un dos operarios caeu desde unha altura elevada e aos outros caeulles enriba o escenario.

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, apuntou este sábado que, aínda que "se están a investigar as causas e non hai nin 24 horas" do accidente, un "refacho de vento" puido ser a causa do derrubamento do escenario principal do festival O Son do Camiño, durante as tarefas de montaxe esta sexta feira no compostelán Monte do Gozo.

Rueda destacou que "afortunadamente non hai vítimas mortais" e que os feridos graves están a recuperarse, polo que espera que "nos poucos días que faltan" se intente que o festival se leve a cabo.

Rueda espera que se celebre o festival: "Sería unha magnífica noticia"

"O festival leva dous anos esperando, con motivo da pandemia, con todas as entradas vendidas. Será un enorme acontecemento e esperamos que se poida celebrar, con todas as condicións de seguridade, pero que non haxa que suspendelo", afirmou.

Nesta mesma liña, defendeu que "se se garanten as condicións de seguridade" e se se instala "un escenario axeitado" para substituír o que se derrubou, "sería unha magnífica noticia" para as "case 50.000 persoas" que teñen entrada para cada día do festival.

Tres operarios ingresados, un deles na UCI

Tres operarios permanecen ingresados, un deles na UCI, segundo confirmou o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva. A evolución do traballador que se atopa na unidade de coidados intensivos é "favorábel". Ademais, os outros tres feridos xa foron dados de alta.

Caída desde unha elevada altura

Villanueva sinalou que o traballador que se atopa en estado grave "aparentemente caeu desde arriba", mentres que os outros tiveron lesións após caerlles encima o escenario.

A respecto das causas do accidente laboral, o director xeral pediu esperar aos informes de Inspección de Traballo e do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), así como o informe da Policía Nacional, que xa foron trasladados ao xuíz.