O accidente mortal do hidroavión en Lobios careceu de atención próxima por fallos nun helicóptero medicalizado

Un dos pilotos faleceu no día do sinistro e o segundo, esta semana. (Europa Press)
O helicóptero medicalizado con base en Barbadás, o máis próximo, estaba "inoperativo" cando o hidroavión que traballaba na extinción dun incendio forestal en Lobios o pasado 8 de agosto sufriu o accidente no que falecerían os dous pilotos. 

A razón, segundo explicou esta quinta feira o novo xerente do Sergas, José Flores, en sede parlamentaria, a preguntas da deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta, durante a comisión de agricultura, foi á detección dun defecto nunha peza nunha revisión mecánica rutinaria.

Flores sinalou que este era o helicóptero medicalizado do operativo de emerxencias galego máis próximo ao momento do sinistro, pero que non puido ser mobilizado.

"Tivemos a mala sorte, sempre é verdade que parece que ocorren as cousas cando se necesitan", lamentou o novo xerente, antes de apuntar que ese defecto impedíalle "voar con condicións de seguridade ao día seguinte", polo que "quedou inoperativo até a reposición da peza".

Hai unha semana coñecíase que no momento do grave incendio que arrasou 2.000 hectáreas do parque natural do Xurés, este mes, a base de helicópteros antiincendios máis próxima, a de Porqueirós (Muíños) tamén estaba fechada, co que o tempo de resposta multiplicouse por catro, segundo a denunciou o BNG da Baixa Limia.