Acampada en Vigo pola sanidade pública

[Imaxe Avantar-Videos]

A acción, impulsada pola plataforma en defensa da sanidade pública, completarase cunha mobilización desde o MARCO o 21 de xuño. As organizacións convocantes chaman a defender a sanidade pública fronte o modelo que pretende impor o Partido Popular. 

 

As organizacións que integran a Plataforma Sanitaria en Defensa dun Sistema Sanitario Público convocan unha xornada de mobilizacións o vindeiro 21 de xuño. A campaña, dirixida a amosar o rexeitamento de profesionais e doentes fronte o desmantelamento de camas hospitalarias e o servizo de hospitalización domiciliaria, comezará cunha acampada simbólica e rematará nunha manifestación desde o MARCO. 

En comparecencia de imprensa, representantes das organizacións que conforman a Plataforma sinalaron que as protestas visan denunciar a “destrución masiva do sistema sanitario público en beneficio de intereses privados”. No concreto, a dúas das últimas decisións adoptadas pola Consellaría de Sanidade: o feche de até 1.200 camas nos meses de verán e a creación do servizo de hospitalización domiciliaria. 

Para a Plataforma a hospitalización domiciliaria provocará "altas precipitadas e que os pacientes sexan coidados nas súas casas"

Desde a plataforman denuncian o desmantelamento de camas situará a área de Vigo por baixo da media galega para alén de se sumar ao fechamento de quirófanos 6 no Meixoeiro, 6 no Xeral e 4 no Cíes a respeito do ano anterior, indicaron desde as centrais sindicais. 

Así mesmo, as organizacións convocantes critican a "trampa" da nova modalidade hospitalaria que pasa por encamar @s doentes na casa. “O único que están a provocar son altas precipitadas e que os pacientes sexan coidados nas súas casas polas familias”, incrementando cargas “que teñen que soportar na maioría dos casos as mulleres”, explicou María Xosé Abuín, pola CIG. 

Así pois, desde a plataforma lanzaron un chamamento á veciñanza de Vigo a secundar as accións fronte ao modelo do Partido Popular co que queren xerar, denuncian, "unha sanidade de primeira e outra de segunda".