Acampada no Concello de Vigo contra as políticas de vivenda de Caballero e Feijóo

Acampada dos colectivos sociais en Vigo (Foto: Marea de Vigo)

Colectivos, activistas e representantes sindicais e políticos reclaman a fin dos desafiuzamentos, un parque público en réxime de aluguer social e melloras no albergue municipal da cidade. Denuncian a falta de consenso entre ambas administracións.

Acampados até que os reciba o alcalde. Activistas de Vigo comezaron esta sexta feira unha acampada indefinida fronte as portas do Concello para reclamar medidas urxentes contra a pobreza e unha maior coordinación entre o consistorio e a Xunta nesta materia. 

Baixo o lema 'A pobreza mata', o acto de protesta foi apoiado por colectivos sociais, sindicais e forzas políticas coma Os Ninguéns, a Plataforma de Afectados pola Hipoteca, Marea de Vigo, o BNG e a CIG ou a Rede de Solidariedade Popular, entre outros. O portavoz da protesta, Juan Miguel Carollo, asegurou que permanecerán na praza do Concello até que o propio Abel Caballero acepte reunirse con eles para escoitar as súas demandas. 

Entre elas, o compromiso de poñer fin os continuos desafiuzamentos. Nesta liña, pediron un acordo para que Vigo conte cun parque público de vivendas sociais ante a actual falta de consenso entre ambas administracións, a quen denuncian por repartir entre eles as responsabilidades sen ofrecer solucións. 

Tamén reclamaron melloras no albergue municipal da cidade, coa eliminación do límite de dez noites consecutivas por usuario e a apertura dun centro de inclusión. “Debe ser unha prioridade en Vigo que ninguén durma na rúa, que todo o mundo teña unha opción de refuxio diúrno e nocturno estable”, aseguran nun comunicado.