A Academia de Ciencias está formada por 80% de homes

Presentación do informe da Real Academia Galega de Ciencias. (Foto: Real Academia Galega de Ciencias).
O informe presentouse esta cuarta feira en Compostela con motivo do Día da Muller e a Nena na Ciencia. Desde a  Real Academia Galega de Ciencias procuran implicar máis mulleres na comunidade científica.

A presenza feminina na Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) 2008-2021 é o nome do informe presentado esta cuarta feira en Compostela pola Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT-Gal).

O estudo, presentado con motivo do Día da Muller e a Nena na Ciencia, que se conmemora esta sexta feira, indica que "a Real Academia Galega de Ciencias aínda ten moito camiño por diante para romper a fenda de xénero, que actualmente conta cunha representación de académicas inferior a 20%, dato que non se corresponde coa presenza de científicas nas universidades e centros de investigación galegos".

Unha imaxe máis inclusiva

O documento conclúe cunha serie de recomendacións que pretenden promover accións positivas co obxectivo de permitir un maior recoñecemento social das contribucións das mulleres científicas, así como "fomentar unha imaxe máis inclusiva da RAGC e incentivar a representación de mulleres".

O presidente da academia, Juan Lema dise coñecedor da situación de desigualdade: "Somos ben conscientes do desequilibrio de xénero nos recoñecementos do ámbito científico e traballamos por mellorar o balance. Nos últimos anos téñense tomado accións importantes, o que está resultando nunha evolución positiva. Convidamos a sociedade científica a presentar candidaturas femininas aos premios da RAGC", finalizou.

Máis mulleres ingresan na RAGC

Está previsto que cinco novas académicas ingresen en 2022 na RAGC: Carmen Isabel Álvarez Lorenzo, María Loureiro García, Herminia Domínguez González, Marisol Soengas González e Ana Cebreiro Gómez, as cales ingresarán nas seccións de Bioloxía e Ciencias da Saúde, Ciencias Económicas e Sociais e Ciencias Técnicas da academia.

Na presentación, decorrida no Pazo de San Roque en Compostela, participaron o presidente da RAGC, Juan Lema, a presidenta de AMIT-Gal Ana Jesús López Díaz, as autoras do traballo, Joana Cristina Silva Magalhaes, Vanessa Valdiglesias e Alicia Estévez, así como as directoras das Unidades de Igualdade das universidades galegas, María José Abad (Universidade da Coruña), Eva Aguayo (Universidade de Santiago de Compostela) e Águeda Gómez (Universidade de Vigo).