A absurda moda que ameaza Teixido

Ducias de máscaras e panos colgan dunha varanda en San Andrés de Teixido (Foto: Concello de Cedeira).
Noxo e indignación entre a veciñanza ao comprobar como a contorna do santuario de Santo André de Teixido virou nun tendal de máscaras e panos usados.

Segundo manda a tradición, quen vai de vivo a Santo André de Teixido debe parar na fonte dos tres canos e pedir un desexo antes de beber auga. Tamén pode acompañar esa petición doutro ritual: tirar unha faragulla de pan. Se aboia, o santo intercederá polo peregrino para responder á súa devoción, se se afunde, a súa solicitude non será atendida.

Mais ninguén avala unha tradición inexistente que derivou nun "costume absurdo" tras a pandemia e que ameaza aínda máis a paisaxe natural de Teixido.

Un problema sanitario e mediomabiental

Antes da Covid, a veciñanza xa lidaba contra a manía de quen acode ao santuario de Santo André de colgar panos húmidos na contorna da fonte dos tres canos, nunha sorte de varanda onde os deixan a enxugar. Ninguén na zona recoñece este ritual como parte da tradición, un uso que deu pé a un conflito maior tras a aparición do coronavirus.

As persoas devotas do santo que acoden a Teixido inzaron o tendal de máscaras empregadas para protexerse da Covid. Panos e máscaras saturan a contorna dando orixe a un problema medioambiental mais tamén sanitario.

O noxo e indignación levou a veciñanza a elevar o ton fronte a este hábito que ameaza Teixido e tradición propia do santuario. Nas redes sociais proliferan as mostras de desaprobación e as chamadas de atención aos peregrinos que se achegan ao templo de Santo André, no concello de Cedeira.

Chamamento á responsabilidade

O recriminación tamén chega desde a Administración local. "A Santo André de Teixido vai de morto quen non foi de vivo, e quen deixa máscara ou pano terá mala sorte durante un ano", asegura o Concello con retranca na súa páxina de Facebook.

Mais tamén apela a seriedade para acabar cunha usanza que nada achega ao interese de Santo André de Teixido.

"Non coñecemos a orixe deste absurdo costume de deixar un pano colgado en Teixido, pero é ben sinxelo decatarse de que o único que se consegue é ensuciar e contaminar un contorno fermoso. Ten sentido común e leva o teu pano e a túa máscara de volta contigo", reclama.