Absólveno de ter violado a súa ex parella porque "non sabía" que a estaba a agredir

A Audiencia provincial da Coruña decretou a libre absolución para un mozo que agrediu sexualmente a súa ex compañeira aproveitando que eran amig@s e ela o convidou a durmir na súa casa após saíren de festa con varias amizades comúns. O tribunal considera que a muller non se resistiu dabondo para que el apreciase a falta de consentimento.


A "libre absolución do acusado posto que o delito de agresión sexual non se pode cometer por imprudencia". Foi o que decretou a Audiencia provincial da Coruña en relación a J.G.R., denunciado hai cinco anos pola súa ex compañeira sentimental por a ter violado, aproveitando a confianza que @s unía. Segundo recoñeceron durante o xuízo e segundo consta na sentenza á que tivo acceso Sermos Galiza, malia que ela lle puxera fin á relación que mantiveran durante tres anos, "conservaron a amizade e seguiron véndose".

En outubro de 2008, após saíren pola noite con varias amizades comúns, a muller, Rocío Calvo (identidade fiticia), permitiu que J.G.R. pasara a noite na casa dela. Tal e como consta na denuncia interposta por Rocío, el "forzoume" a manter unha relación sexual que non foi consentida. Tales feitos foron enxuizados cinco anos despois, circunstancia que non se toma en conta na sentenza, malia que si aparecen recollidas en reiteradas ocasións as eivas de Rocío á hora de narrar o acontecido aquela noite. Pediu non velo durante o xuízo e recomendáronlle agardar nos baños a que lle tocase declarar a ela. Despois colocaron un biombo. "Sabes que está alí. Óelo moverse e o corazón encóllechese".

"Pasaron máis tempo intentando saber por onde me daba o camisón que escoitándome"

Porque tardou en denunciar...

"Responda rápido, que son nove anos de prisión, dicíame a súa avogada. Eu levo cinco anos intentando esquecer", explica ela, facendo fincapé no tratamento médico que leva recibindo desde novembro de 2008 até hoxe pola síndrome de estrés postraumático que sofre, con ansiedade, retraimento social, medo, pesadelos e un estado de ánimo depresivo. Sermos Galiza interesouse polo testimonio dela, pois na resolución ditada pola Audiencia provincial da Coruña unicamente deixa constancia das "frases equívocas" pronunciadas por Rocío na noite dos feitos, as "dúbidas sobre a existencia dunha relación sexual sen consentimento" e os "flashes" na narración do acontecido.

"Pasaron máis tempo intentando saber por onde me daba o camisón co que durmía que escoitándome", di a moza, que tardou uns días en presentar a denuncia porque ao día seguinte dos feitos tiña que coller un avión para unha viaxe de relax "e pensei que me esquecería de todo". Porén, nada máis aterrar no seu destino necesitou atención médica. Tan pronto veu de volta acudiu a unha comisaría de policía presentar a demanda. "Preguntáronme se me pegara e dixen que non. O policía advertiume de que tiña que mentir e dicir que si, porque se non non tiña nada que facer. Porén, non me pegara e dixen que non me pegara". 

"Era a miña ex parella, o meu amigo. Deixeino pasar a noite na miña casa porque beberamos bastante. Quere isto dicir que me pode violar?"


Porque o convidou a durmir na súa casa...

Polo traballo de Rocío, vinculado á sanidade, a avogada da defensa de J.G.R. insistiu unha e outra vez en saber por que non denunciou os feitos tan pronto aconteceron. "Porque naquel momento non deixaba de ser unha muller violada!", responde ela, quen mantén desde hai tempo unha relación estábel con outra persoa. "Era a miña ex parella, o meu amigo. Deixeino pasar a noite na miña casa porque beberamos bastante. Quere isto dicir que me pode violar? É este o prezo que temos que pagar por sermos libres?" 

Tiña mazaduras polo corpo e marcas nos puños, por onde di que a suxeitou o seu agresor. Porén, tampouco o tribunal apreciou tal circunstancia como proba de que fora forzada pois "seica teño a pel moi branca e non poden saber canta forza fai falla para me causar unha mazadura". A sentenza sinala con claridade que Rocío foi violada: "a súa declaración permite afirmar que se sentiu agredida sexualmente desde o momento en que ten a imaxe de J. agarrándoa polos puños". Ela fíxolle saber "que estaba a facerme dano", mais non é signo suficiente para considerar que non consentía a relación sexual. Acrecenta a sentenza que a frase "vaia polvo de merda, parece que estabas a comer pipas", pronunciada por J., confirma que non era consciente de que a estaba a violar, pois en caso contrario non tería sentido reprochar falta de interese. 

"Cantas hostias" ten que recibir unha muller para que poida ir presentar unha denuncia por agresión sexual "e non existan dúbidas"?


Porque non se resistiu máis...

"Non me resistín porque vin o que ía pasar e só quería que non me fixera dano". Rocío foi testemuña e sufriu en carne propia a violencia machista de pequena e, tal e como recolle a sentenza, "bloquéase" perante situacións violentas. "Nunca tanto pensei como nesta semana (cando se ditou a libre absolución de J.G.R.) que o corpo das mulleres é un campo de batalla. Estanme a dicir que me violou, mais que non se decatou. Veño falar contigo porque quero que se saiba o tratamento que recibimos cando imos poñer unha denuncia porque fomos agredidas. Recordo cando miña nai ía denunciar as malleiras e os malos tratos e lle dicían que até que houbese sangue non podían facer nada". 

Rocío quere que tod@s nos preguntemos "cantas hostias" ten que recibir unha muller para que poida ir presentar unha denuncia por agresión sexual "e non existan dúbidas". As súas declaracións sobre o xuízo traen ao presente moitos casos lidos na imprensa. Colocamos dous: o asasinato da moza ourensá Laura Alonso, a quen o seu ex compañeiro sentimental afogou cunha chaqueta e que foi sentenciado por homicidio e non por asasinato porque ela non se resistiu e porque non había convivencia; e a violación dunha moza no barrio compostelán das Fontiñas, recollida o 30 de decembro de 2011 por El Correo Gallego baixo o titular 'La joven violada salió del pub por su propio pie y junto a su agresor'.