Absoltos os estudantes condenados polo escrache ao profesor ‘homófobo’ Domingo Neira

Escrache a Domingo Neira. Imaxe: Xeira

Recorreron a sentenza após ser condenados a tres meses de prisión cada un. Por tomar parte nunha protesta contra Domingo Neira, profesor que mantén que “na homosexualidade debe haber algunha alteración xenética”.

“Acabam-nos de comunicar a resoluçom do recurso que tínhamos interposto contra a condena de três meses de prisom polo escrache ao homofobo Domingo Neira. Antia e Mario fomos absoltas !! Queremos agradecer a solidariedade de todas as que vos preocupastes por nós, nos próximos dias daremos mais informaçom. Seguimos na luita !”. Con esta concisa mensaxe nas redes sociais, os dous estudantes condenados a 3 meses de prisión cada un pola protesta contra ese docente.

 

O pasado mes de marzo, Antía e Mario foran condenados a tres meses de prisión por “desordes públicas” mentres que un terceiro acusado, Atanes, foi absolto. Así se establecía na sentenza que a finais de febreiro, cinco meses despois do xuízo, emitía o Xulgado de Compostela a respecto da causa contra estes tres estudantes universitarios por un escrache contra a “homofobia” de Domingo Neira, profesor da USC. Desde o Comité pola Absolviçom de Antia, Mario e Martin cualificaban a resolución como “inxusta” e anuncian que a mesma será recorrida polos afectados.

 

O escracho protestaba pola readmisión dun profesor homófobo, Domingo Neira, docente de Ciencias da Educación e que foi acusado e denunciado en distintas ocasións por manter un 'discurso de odio' contra os homosexuais. De feito, a propia Universidade afastárao das aulas durante o curso 2013/2014. Porén, volveu exercer no curso seguinte, se ben nun posto diferente

 

A homosexualidade é contaxiosa”

 

Neira chegou a asegurar nas aulas que "a homosexualidade é contaxiosa", que "os homosexuais carecen de hombría e non poden educar" ou que "as lesbianas teñen un cromosoma XXX que explica o seu comportamento non normal".