Xustiza

Absolto en Santiago un pai acusado de abusar sexualmente da súa filla

Sede da Audiencia Provincial da Coruña. (Foto: Google)
Outro procesado foi tamén absolto en Pontevedra do delito de abuso sexual que se lle imputaba sobre unha menor.

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, vén de absolver un pai acusado dun delito continuado de agresión sexual sobre a súa filla, menor de idade. A sentenza deuse a coñecer esta sexta feira.

O tribunal destaca no seu veredicto que non resultou probado tampouco que, desde que a súa filla contaba con seis ou sete anos de idade e até que fixo os once, aproveitase os momentos en que quedaba ao seu cargo para agredila sexualmente.

A Fiscalía pedía dez anos de prisión, mentres que a defensa do acusado solicitaba a libre absolución, ao rexeitar en rotundo a autoría dos feitos que se lle imputaban.

O Ministerio Público sostiña que os feitos se produciron cando a menor quedaba ao seu cargo e cando ambos os dous compartían a mesma cama durante esas estancias.

Outro acusado de abusos absolto en Pontevedra

Tamén esta sexta feira transcendeu outra sentenza na que a sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra vén de absolver un acusado de abusar sexualmente dunha menor, segundo informa esta sexta feira o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG). A Sala considera probado que, contra as 21.45 horas do 25 de xullo de 2021, cando a vítima, de 15 anos, camiñaba cara á súa casa pola rúa Pintor Urbano Lugrís de Pontevedra, foi abordada por detrás "por un home descoñecido".

O mesmo, logo de taparlle a boca coa man esquerda, "comezou a tocarlle os peitos e a zona xenital por riba da roupa coa man dereita". As maxistradas indican que a situación "se prolongou durante uns instantes, até que pasou polo lugar un vehículo que fixo soar o claxon", o que provocou que o agresor fuxise correndo".

A Sala subliña na sentenza, contra a que cabe presentar recurso, que non se acreditou durante o xuízo a participación nos feitos do procesado e que, polo tanto, non cabía condenalo.