Xustiza

Un xulgado absolve un pai acusado de abusar da súa filla mais afirma que "non se pon en dúbida a veracidade" da menor

Audiencia Provincial de Pontevedra. (Foto: Google)
Os maxistrados, que afirman non dubidar do denunciado pola moza, apuntan que "non se pode acreditar" a concorrencia "do dolo que exixe o tipo penal polo que se formula acusación.

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra vén de absolver un pai do delito continuado que se lle imputaba por abusos sexuais sobre a súa filla cando ela tiña once anos de idade, a pesar de que "non se pon en dúbida a veracidade" do declarado pola menor cando denunciou os feitos, segundo recolle a sentenza difundida esta segunda feira polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza.

Os maxistrados explican que a valoración conxunta da proba practicada "non permite ter por acreditada a concorrencia do elemento subxectivo, do dolo que exixe o tipo penal polo que se formula acusación".

Mais non dubidan, aseguran, da "veracidade" da versión da moza, nin tampouco que "manifestase a súa incomodidade ao seu pai ante a forma na que xogaba con ela ou cos seus curmáns". "Tampouco que lle manifestase que lle facía dano con ese tipo de xogos", indican.

Do mesmo modo, "non reforza a existencia de dolo" o feito de que "lle pedise á menor que quitase a parte de arriba do bikini estando na praia ou no río, por entender que nesa situación entre pai e filla con outras persoas diante, familiares que á súa vez tamén lle din o mesmo á menor, non pode derivarse da mesma significación", igual que "a entrada do pai no baño cando a menor se estaba duchando".

Esa forma de comportarse do pai, segundo o veredicto, afectaba "a intimidade da menor e facíalle sentir incómoda", algo que lle fixo saber "reiteradamente" ao acusado —e finalmente absolto—.

Porén, segundo a Audiencia, isto non permite "concluír sen xénero de dúbidas, como é preciso no ámbito penal, na existencia do dolo exixido para a aplicación do tipo penal, todo o cal leva a alcanzar un pronunciamiento absolutorio". Contra a sentenza cabe presentar recurso de apelación diante do TSXG.