O absentismo na reválida de 3º de Primaria "desautoriza" Educación, di a PGDEP

[Imaxe Diego Boquete]

Segundo os dados da Plataforma, por volta do 82% do alumnado non asistiu ás aulas, o que supón un maior seguimento do boicote que nas probas de 6º curso. 

Esta terza feira (24 de maio) comezou a desenvolverse a proba de avaliación entre o estudantado de 3º de Primaria. A Plataforma galega en defensa do ensino público, que reiterou o chamamento ás familias para que non leven as crianzas á escola durante estes exames, asegura que o índice de absentismo se sitúa por volta do 82% o que suporía un repunte de participación no boicote a respeito das probas de 6º de Primaria. 

A Plataforma ve nas cifras de seguimento a "evidencia máis palpábel do rexeitamento clamoroso" á LOMCE e as reválidas

Nunha concentración diante da Consellaría de Educación, en Compostela, Anxo Louzao, portavoz da PGDEP asegurou que as cifras de seguimento son "a evidencia máis palpábel do rexeitamento clamoroso que suscitan a LOMCE e as reválidas".

Así mesmo, desde a Confederación de ANPAS Galegas, Fernando Lacaci, sinalou que a ausencia de estudantes desautoriza totalmente ao conselleiro, cando fala de manipulación das familias”. A este respecto lembrou que máis do 80% das familias “non pertencen a unha ideoloxía, a un partido político, non son seguidores dunha única consigna. Cando falamos desas porcentaxes estamos falando dunha multiplicidade enorme de persoas que están de acordo nunha única idea: a LOMCE é unha lei que nin queremos, nin necesitamos”.

“Son probas que conducen ao alumnado a entrar nunha competición e que converten os centros de ensino en centros competitivos no canto de centros educativos”, denunciou Louzao polo que instaron, máis unha vez, a Educación a retirar as probas e ao goberno español a derrogar a LOMCE.