Abrir a interlocución para fechar o curso

Entidades como a AS-PG defenden que o curso non pode continuar sen aulas. (Europa Press)
O obrigado confinamento fai da recta final do curso unha incógnita que, de non ter en conta as diferentes necesidades, pode agrandar desigualdades e deixar unha parte do alumnado atrás. Con esta perspectiva, organizacións e familias chaman a Xunta a consensuar as decisións sobre o feche do curso. 

A convicción de que a fenda que abriu a interrupción da docencia presencial pola crise sanitaria na Galiza vai máis alá do dixital é un dos argumentos da asociación de ANPA Galegas, a CIG-Ensino e o colectivo estudantil Erguer, que na xornada de onte reclamaron á conselleira de Educación, Carmen Pomar, a apertura dunha canle de interlocución na que analizar a excepcional situación do ensino galego e formular propostas para o remate de curso, de cara a tomar as decisións "menos lesivas en termos de desigualdade"

Ás distintas capacidades no acceso e habilidade tecnolóxica súmanse as condicións económicas, xeográficas ou sanitarias que, a criterio das tres organizacións, fan "urxente" a apertura dun foro de debate con presenza de todos os membros da comunidade educativa, no que se poida "definir entre todas cal ha ser a maneira na que remate este curso e se planifique cando menos o comezo do seguinte, co obxectivo de provocar a menor das desigualdades".

No escrito remitido á consellaría, chaman a "consensuar" coa comunidade educativa estas e outras cuestións, como é a situación do alumnado con necesidades específicas, a promoción de curso académico, as especiais casuísticas de quen está a cursar unha fin de etapa –e nomeadamente no bacharelato e a FP– ou a planificación do vindeiro curso.

A súa petición súmase á que días antes trasladaba a Confederación Galega de ANPA de Centros Públicos, Confapa, para a que, tamén, as decisións sobre o feche deste curso escolar "deben ser un traballo de consenso entre a Consellaría de Educación e as familias". 

Para esta plataforma, a educación non presencial, tal e como se está a desenvolver no territorio galego, "non cumpre cos preceptos constitucionais de universalidade nin coa necesaria igualdade de oportunidades", senón que "afonda na fenda entre as familias que teñen recursos e coñecemento e as que non dispoñen de bens tecnolóxicos ou acceso a redes, ou as familias que carecen de formación e coñecementos para colaborar no proceso pedagóxico".

Nunhas condicións marcadas polas diferenzas do alumnado no acceso "a redes que lles permita desenvolver unha educación non presencial coas condicións mínimas de bidireccionalidade", pero tamén pola "extraordinaria presión" das familias en termos de conciliación, unha "inmensa disparidade de ferramentas, canles e contidos que se empregan por parte dos centros" e inexistentes recursos para alumnado con necesidades de apoio ou educativas especiais, Confapa ve "imposíbel" facer unha avaliación "cun mínimo de xustiza do desenvolvemento pedagóxico do alumnado", de cara á finalización do curso escolar. 

En sentido similar, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega sostén que as profesionais da educación "non poden ser substituídas neste momento por ningún medio tecnolóxico", por ser un único garante da "competencia social, o desenvolvemento do espírito crítico, a retroalimentación inmediata e o dereito fundamental á igualdade de oportunidades", e reclama a paralización do curso baixo a premisa de que "non hai ensino de calidade sen aulas".