Abre o prazo de inscrición nas escolas infantís de titularidade autonómica: estas son as condicións da convocatoria

Escola infantil na Galiza (Foto: Xunta da Galiza).
O curso arrincará o 6 de setembro e os centros estarán abertos entre semana fóra dos festivos e os días 23, 24 e 31 de decembro.

Desde este sábado, e até o 5 de abril, estará aberto o prazo para solicitar unha das 1.500 prazas nunha escola infantil de 0 a 3 anos de titularidade autonómica. As listas provisionais de admitidos e admitidas coñeceranse o 6 de maio e as definitivas, o 31.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou esta sexta feira dúas resolucións da Consellaría de Política Social e Xuventude, para informar do procedemento de reserva de praza e os criterios para dar prioridade ás solicitudes.

O curso arrincará o 6 de setembro e os centros estarán abertos entre semana fóra dos festivos e os días 23, 24 e 31 de decembro. Con carácter xeral, tampouco abrirán en agosto, mais se o solicitan polo menos 15 crianzas poderase habilitar un centro por cada localidade (nas que haxa escolas infantís de titularidade autonómica) neste mesmo mes.

Na adxudicación de prazas terán prioridade -nesta orde- as crianzas xa escolarizadas nas escolas infantís o curso anterior e aquelas que cursasen noutra escola infantil da rede pública mais que cambiasen de domicilio. Para novo ingreso, primarase ás crianzas do persoal na escola pública para as que se solicite o ingreso, aos irmáns e ás irmás das que xa son alumnas do centro e aquelas menores que estean baixo a garda ou tutela da Xunta da Galiza.

No resto de casos, as prazas outorgaranse en base ás circunstancias sociais e económicas das familias. Así, unha das principais novidades para o próximo curso consiste en dar máis puntuación ás crianzas cuxos pais e nais teñan un emprego: cada proxenitor ou proxenitora con traballo outorgará oito puntos, fronte aos sete que daba o ano pasado. Así mesmo, cada pai e nais en paro outorga dous puntos e, se é perceptor da renda de inclusión social da Galiza (Risga), recibe tres.

Tamén se terán en conta criterios económicos, en base aos ingresos da familia, e outras circunstancias como o número de membros da mesma, entre outras. Para ser adxudicatarias dunha das 1.500 prazas das escolas infantís de titularidade autonómica, as crianzas terán que ser residentes na Galiza, ter unha idade mínima de 3 meses na data de ingreso na escola e que non cumprisen os tres anos a día 3 de decembro de 2024.

Unha vez se coñeza a listaxe definitiva de admitidas, o 31 de maio, abrirase un prazo de 10 días hábiles a contar desde a publicación da resolución no DOG para poder presentar a documentación da matrícula xunto coa copia da cartilla de vacinación da crianza -é obrigatorio tela completa-, todo iso a través da sede electrónica da Xunta.