Mobilizacións esta cuarta feira

Os abortos sen garantías na área sanitaria da Coruña volven á Fiscalía

A Plataforma da Coruña polo Dereito ao Aborto e a Marcha Mundial das Mulleres manterán esta cuarta feira unha entrevista coa Fiscalía Provincial para lle expor a deficitaria atención que sofren as mulleres que teñen un aborto no segundo trimestre de xestación. Aliás, convocan un con motivo do Día de acción global por un aborto legal, seguro e gratuíto.

A violencia obstétrica e a atención deficitaria que sofren as mulleres que abortan na área sanitaria da Coruña, un asunto do que se fixera eco en exclusiva Sermos Galiza, chega á Fiscalía Provincial após a Plataforma da Coruña polo Dereito ao Aborto e a Marcha Mundial das Mulleres puxeran no seu coñecemento os feitos. Esta cuarta feira unha representación da Plataforma e máis da Marcha manterán unha reunión coa Fiscalía para lle expoñer as deficiencias denunciadas por varias afectadas co fin de que corrixa a situación.

A Plataforma e a Marcha dirixíronse no mes de maio á Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) para que investigase os feitos e actuase para garantir a atención integral do aborto nos hospitais públicos galegos, sen que o seu dereito sexa subordinado a criterios ideolóxicos como o da obxección de conciencia.

Na reunión da cuarta feira, as activistas solicitaranlle, máis unha vez, á Fiscalía que a muller estea atendida durante todo o proceso de indución, expulsivo e despois por unha matrona; o apoio emocional á muller durante todo o proceso, tendo en conta as súas necesidades, inquedanzas e desexos para poder abordar de xeito integral a súa saúde física e psíquica e que garanta a mesma atención que nun parto: expulsivo en sala axeitada, con posibilidade de anestesia epidural e atendida por profesional de xinecoloxía ou matrona. Todas estas peticións están recollidas en protocolos internacionais.

Neste senso, a Fiscalía da Coruña xa rexeitara investigar os casos denunciados na imprensa como solicitaba o Defensor do Paciente argüíndo que a redacción dos feitos non tiña "encaixe legal en precepto penal".

Protesto diante da Audiencia Provincial

Coincidindo coa entrevista na Fiscalía e co Día de acción global por un aborto legal, seguro e gratuíto, a Plataforma e a Marcha convocaron para esta cuarta feira un protesto diante da Audiencia Provincial. Terá lugar ás 12.30h e servirá para reivindicar o exercicio efectivo e mais o respecto aos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, así como para denunciar o contido da reforma da lei do aborto.

A mobilización denunciará a vulneración, por parte das autoridades sanitarias, dos dereitos reprodutivos das mulleres que teñen necesidade de que se lles practiquen abortos de máis de 14 semanas por causas médicas no hospital materno-infantil Teresa Herrera.

Concentración en Compostela

A falta de confirmar outras mobilizacións con motivo do 28S, Compostela acollerá unha concentración na rúa Nova, ás 20h, para reclamar un aborto libre e de balde na sanidade pública.