Transporte

O novo abono gratuíto de Renfe entrará en vigor o 1 de maio: así podes socilitalo

Dous trens agardando a saída na estación de tren de Santiago de Compostela. (Foto: Arxina/ Europa Press)
Os novos títulos terán validez até o 31 de agosto, e os vellos quedarán sen efecto o próximo 30 de abril.

Os abonos gratuítos para viaxar nos trens de Renfe de Proximidades, Rodalies e Media Distancia para o segundo cuadrimestre entrarán en vigor o próximo 1 de maio e serán válidos até o 31 de agosto. Renfe xa reforzou desde esta terza feira os sistemas e puntos de información para lembrar ás persoas usuarias que deben adquirir estes novos abonos, xa que os actuais só pódense utilizar até o vindeiro domingo 30 de abril.

Até o de agora expedíronse 143.000 novos abonos gratuítos en todo o Estado español —79.000 de Proximidades e 64.000 de Media Distancia— de cara a este segundo cuadrimestre. Para "axilizar a tramitación e evitar esperas innecesarias", Renfe lembrou que a adquisición dos abonos tamén se pode facer a través da app de Renfe Cercanías, e no caso dos abonos de Media Distancia a través do portal web do operador ferroviario e canles de venda habituais —estacións ou máquinas de autovenda—.

Para os servizos ferroviarios Avant mantense o desconto de 50% nos abonos, que tamén se aplica a outros traxectos de alta velocidade que foron declarados Obriga de Servizo Público (OSP) e que funcionan coas mesmas condicións que un abono Avant.

Como adquirir o abono?

Para adquirir o abono, aínda que é gratuíto, é necesario depositar unha fianza de 10 euros no caso de Proximidades e Rodalies, e de 20 euros para cada servizo de Media Distancia convencional, da mesma forma que na anterior convocatoria.

O pagamento con tarxeta permitirá a devolución automática da fianza, unha vez quede constatado que se cumpriu a condición de realizar un mínimo de 16 desprazamentos durante estes catro meses.

Para os nenos e nenas menores de 14 anos sen DNI creouse, ademais, un abono recorrente para servizos de Media Distancia, que poderá ser adquirido na web de Renfe ou a través da súa aplicación móbil. O pai, a nai ou o titor ou titora legal poderán adquirir, por medio do seu NIF, NIE ou pasaporte, un máximo de catro abonos de crianzas para unha mesma orixe e destino, durante o período de validez.

Aos viaxeiros e viaxeiras que utilizasen o abono gratuíto de Proximidades, Rodalies ou Media Distancia no primeiro cuadrimestre de 2023 devolveráselles a fianza, sempre que cumprisen as condicións do mesmo. A quen pagasen a fianza con tarxeta, devolveráselles automaticamente.