Os abonos gratuítos de Renfe para os próximos catro meses poderanse adquirir a partir desta quinta feira

As longas fileiras foron a tónica das primeiras xornadas de venda dos abonos gratuítos (Foto: Arxina).
A diferenza dos anteriores abonos que só podían ser adquiridos fisicamente, Renfe abriu a posibilidade de conseguilos a través da súa web.

As persoas usuarias de Renfe poderán obter a partir desta quinta feira, 29 de decembro, os novos abonos gratuítos de proximidade, Rodalíes e Media Distancia para viaxar até o 30 de abril, que poderán ir renovando ao longo do ano cada catro meses.

Para axilizar a adquisición dos abonos e evitar esperas, habilitouse a app de proximidade Renfe ou, no caso dos de Media Distancia e Avant, a web de Renfe, para adquirir os novos abonos nas mesmas condicións que os que estiveron vixentes no último cuadrimestre.

En concreto, é necesario depositar unha fianza de dez euros no caso de proximidade e Rodalíes, e de 20 euros para cada servizo de Media Distancia convencional. O pago con tarxeta permitirá a devolución automática da fianza, unha vez se constate que se cumpriu a condición de realizar 16 desprazamentos durante estes catro meses.

Para os nenos menores de 14 anos sen Documento de Identidade creouse, ademais, un abono recorrente para servizos de Media Distancia, que poderá ser adquirido na web ou na app de Renfe. O pai, a nai ou o titor poderán adquirir, por medio do seu NIF, NIE ou pasaporte, un máximo de catro abonos de crianza para unha orixe e destino, durante o período de validez.

Desde que se puxo en marcha esta medida o pasado 24 de agosto, Renfe expediu perto de dous millóns e medio de abonos gratuítos de proximidade, Rodalíes e Media Distancia e co desconto de 50% en trens de alta velocidade para media distancia.

Infraccións

Desde o pasado 7 de decembro están en vigor as novas medidas publicadas no Boletín Oficial do Estado (BOE), polo que se modificou a operativa de venda e utilización dos títulos ‘multiviaxe’ gratuítos de Media Distancia, que restrinxe a formalización de viaxes, a adquisición de abonos e sanciónanse os usos irregulares reiterados, entre outras actuacións. De feito, xa se retiraron perto de 200 abonos por estas infraccións.

A prórroga da gratuidade tamén inclúe os servizos Avant entre Ourense e A Coruña. Para o resto dos servizos ferroviarios de Avant prorrógase o desconto de 50%.