Apertura de expediente sancionador a 115 persoas polas manifestacións en apoio Escárnio e Maldizer

A Delegación do Goberno en Galiza comezou a comunicar sancións impostas: 109 por infraccións graves.

A Delegación do Goberno en Galiza comezou a comunicar sancións impostas a persoas que supostamente participaron na manifestación en apoio ao CSOA Escárnio e Maldizer o pasado mes de xullo en Compostela.  Esculca, Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades, sinala que segundo  Delegación foron abertos 119 expedientes a 115 persoas. 109 expedientes corresponden a infraccións graves por desobediencia. As 10 restantes corresponderían a un delito leve por exhibición de obxectos perigosos con ánimo intimidatorio.

 

Poucos días despois das manifestación de xullo contra o desloxo do Escárnio e Maldizer, o delegado do goberno, Santiago Villanueva, afirmaba que as 116 persoas identificadas na mobilización ían ser propostas para sanción por dúas faltas graves: desobediencia ou resistencia á autoridade e por "negarse a disolver reunións e manifestacións en lugares de tránsito público cando o ordenen as autoridades". As multas nestes casos oscilaban, anunciou, entre os 601 e os 30.000 euros.

 

O desaloxo do CSOA provocou manifestacións e concentracións de rexeitamento, así como a solidariedade para con este centro social do resto de CS de Galiza e diferentes colectivos sociais.