Aberto xuízo oral contra Rafael Louzán por suborno. El fala de "persecución"

Rafael Louzán

O ex-presidente da Deputación de Pontevedra e presidente da Federación Galega de Fútbol afirma que sofre unha "persecución sen base". Está acusado polo cobro de alugueres a xeito de pagamento de favores.

“Esta caso existe porque me chamo Rafael Louzán e fun presidente da Deputación de Pontevedra”. Así de contundente se expresaba Louzán o pasado 26 de outubro após participar no Xulgado de Cambados nunha vista previa por un suposto delito de suborno relacionado con supostos sobreprezos dos alugueres duns baixos comerciais en Vigo. Dous meses despois, o Xulgado de Instrución nº2 de Cambados acordou a apertura de xuízo oral contra o ex-presidente da Deputación de Pontevedra e actual presidente da Federación Galega de Fútbol. Decisión que tamén afecta á esposa de Rafael Louzán e o ex-deputado do PP Severino Reguera. Louzán considera que está a ser obxecto dunha "persecución sen base" e móstrase convencido de que será absolto.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza sinalou que o órgano competente para o enxuizamento é o tribunal de xurado da Audiencia Provincial de Pontevedra. A Fiscalía solicita para Louzán un ano de cárcere, a suspensión de emprego e cargo público durante 2 anos e 3 meses e o comiso dos tres locais, cuxa propiedade partilla coa súa esposa, María Teresa Cores. Para ela a fiscal pide 9 meses de prisión e 14 meses de suspensión de emprego e cargo público por entender que é “cooperadora necesaria” para que Louzán cometese ese suborno pasivo.  

O ex-deputado do PP Severino Reguera, de por parte, está imputado como presunto autor dun delito continuado de suborno impropio, polo que o fiscal pide para el unha condea dun ano de cárcere.