Abertas de novo ao baño as praias de Rodeira (Cangas) e Arealonga (Redondela) após detectárense bacterias

Praaia de Arealonga, na parroquia redondelá de Chapela.
Había unha presenza maior da recomendada da bacteria 'Escherichia Coli'.

A praia de Rodeira, situada no concello morraceiro de Cangas, e mais a de Arealonga, na parroquia redondelá de Chapela (comarca de Vigo), veñen de ser abertas de novo ao baño após ficaren fechadas durante os últimos días, logo de detectarse nas súas augas a presenza de bacterias que impedían o acceso ás e os bañistas por motivos de saúde.

Foi un informe da Consellaría de Sanidade, encargada de realizar as análises, o que detectou unha presenza maior da recomendada da bacteria Escherichia Coli na auga de Rodeira, despois de coller unha mostra o pasado 2 de agosto, hai agora xusto unha semana.

Por iso, prohibiuse o baño no devandito areal desde a fin de semana e até que esta pasada terza feira, contra as 14 horas, foi reaberta a praia, segundo confirmaron esta mesma mañá fontes do Concello de Cangas.

E a mesma situación deuse no areal de Arealonga, en Redondela, onde a mesma bacteria provocou que se fechase ao baño a praia. Con todo, segundo fontes da Consellaría de Sanidade consultadas por Europa Press, xa está aberta ao público.