Aberta unha investigación pola agresión na Coruña a unha froiteira por vender produtos cataláns

Frutas Sandra, en Marqués de Pontejos, na Coruña. [Imaxe: Google]
A Policía Nacional informou que hai unha investigación en curso para identificar o agresor da dependenta dunha froitería na Coruña. Fontes da Delegación do Goberno confirmaron que a muller presentou unha denuncia por ter sido agredida por un descoñecido que entrou na tenda e lle reprochou que vendese produtos cataláns.

Apenas tres días despois de que se producira unha agresión en Madrid ao presidente dos bombeiros galegos, Miguel Ucles, por levar unha camiseta en galego e unha bandeira da patria, na Coruña unha froiteira presentou unha denuncia pola agresión que sufriu a mans dun home co pretexto de que na tenda se venden produtos cataláns.

Segundo informan diferentes medios, a agresión produciuse ao redor das 13:45 horas desta cuarta feira cando o home accedeu á froitería, situada na zona vella da Coruña, moi preto da praza de María Pita nunha área moi transitada por viandantes. A muller, Sandra Castro, estaba soa nese momento e na parte do almacén. O presunto agresor esixiulle que retirara da venda unha caixa de froita que indicaba a procedencia catalá do produto. A muller negouse e empezaron as ameazas. Intentou sacar unha foto do home dicindo que ía denuncialo, mais este arrebatoulle o móbil e golpeouna con dous puñazos na cara. A muller berrou. Un mozo que pasaba por alí detivo a agresión. 

Sandra Castro acudiu ao médico e presentou denuncia á Policía Nacional, que investiga o suceso. Fontes policiais indicaron esta mañá que o agresor aínda non foi identificado. 

Exaltación

A agresión ten lugar nuns días marcados no Estado por un ambiente mediático, político, e tamén en parte social, de exaltación españolista fronte ao que acontece en Catalunya. Un exemplo é a convocatoria feita recentemente por Francisco Vázquez, ex alcalde coruñés, que apela a concentrarse este domingo na Praza de María Pita "en apoio da constitución e dos cataláns constitucionalistas". Pide o ex rexedor da cidade que as persoas asistan levando como único símbolo a bandeira española.