Aberta a IX edición do premio José Couso, un recoñecemento ao xornalismo libre para recordar o cámara asasinado

José Couso [Imaxes: SG]
Un ataque do exército dos USA ao Hotel Palestina, en Bagdad, matou o fotoxornalista de Ferrol en abril de 2003. Estaba desprazado en Iraq para informar da ocupación deste país para a canle española Telecinco


Desde esta terza feira e até o 12 de marzo ficará aberto o prazo para presentar as candidaturas para a IX edición do premio José Couso á liberdade de imprensa.

Organizado polo Colexio profesional de xornalistas, o certame conta coa colaboración do Club de prensa de Ferrol, de onde era natural o cámara de televisión asasinado polo exército dos USA durante a ocupación de Iraq, en abril de 2003.

No seu discurso de presentación do premio, o decano do CPXG, Xosé Manuel Pereiro, falou do peche de medios de comunicación na Galiza e, nomeadamente, na cidade departamental, sinalando que "non é soamente un problema laboral" pois o País "perde espellos en que mirarse e altofalantes en que ouvirse". Respecto da situación en Ferrol, subliñou que co peche de xornais e o despedimento de traballador@s supón que o País enteiro "perda as referencias" do que acontece "e os matices da vida cotiá" nunha comarca en que viven máis de 200 mil persoas.

Arremeteu Pereiro tamén contra "o descrédito" que á profesión xornalística dan actuacións "como que un presidente do goberno se relacione coa imprensa desde o cuarto do lado a través dunha pantalla de plasma e os medios acceden a servir de atrezzo". Queixouse da actitude de quen ofrece roldas de imprensa sen aceptar preguntas dos medios de comunicación, actitude que foi condenada polo Foro de organizacións de xornalistas, do cal fai parte o CPXG.

Así as cousas, quen queira concorrer ao premio José Couso pola liberdade de imprensa poderá facelo enviando as súas pezas, con argumentación e currículo, ao enderezo electrónico premiocouso[arroba]xornalistas[punto]com

O premio ten o obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha importante traxectoria profesional, libre e independente. Nas cinco edicións anteriores o premio recaeu en Wikileaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010) Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), o xornal francés Le Monde Diplomatique (2006) e o xornalista marroquí Ali Lmrabet (2005)