Queres acabar coas velutinas? Eis as chaves para o trampeo destas vespas

As velutinas teñen predilección polas camelias, sobre todo polas de flor con estames amarelos. (Foto: Nós Diario)
A loita contra a vespa velutina comeza poucas semanas antes da primavera. É o momento no que as raíñas empezan a saír e a construír os niños que acabarán de facer as obreiras a partir do mes de maio. Até entón, buscan alimento para esa xeración de crías e celulosa para a súa gorida. É a única e a mellor ocasión para capturalas.

Após o inverno, a vespa asiática volve dar sinais de vida. "As raíñas están empezando a crear os niños primarios e a ter obreiras, co cal, precisan máis azucres e celulosa para alimentar as larvas e construír os seus agochos que aporte de proteína, que o que buscan nas abellas do mel de xuño a outubro", explica a Nós Diario Esteban Jamardo, abelleiro, parte do colectivo de apicultores de Barro, na comarca de Pontevedra.

Foron dos primeiros en organizarse para retirar os niños de vespa asiática cando aínda non existía o Plan de loita contra a vespa velutina da Xunta da Galiza e a Federación Galega de Municipios e Provincias que executa a empresa pública Seaga. Agora concentran o seu esforzo na protección das abellas meleiras e na divulgación das mellores trampas para rebaixar o seu impacto sobre as colmeas e a comunidade local.

"Este é o momento no que saen as raíñas e están en movemento, arredor de plantas e árbores. Unha vez teñan o niño primario avanzado e obreiras para traballar, elas van quedar dentro para reproducirse e non volver saír".

Zume de arando e azucre

Nese momento, para combatelas, "hai que ir polo niño". De nada vai servir pór trampas, asegura Jamardo, unha medida preventiva probada con éxito polo sector de febreiro a maio. Un sistema de trampeo ben planificado é unha das solucións máis efectivas contra a proliferación da velutina, aseguran os apicultores. Require coordinación e a elaboración minuciosa de cebos para as abellas invasoras.

"Este é un dos momentos máis importantes do ano. Con cada raíña capturada evitamos a formación dun niño novo" do que poden saír até 400 raíñas no outono, que serán fecundadas polos machos antes de hibernar.

As velutinas teñen predilección polas camelias, sobre todo polas de flor con estames amarelos

"Agora mesmo estamos a elaborar trampas con medio litro de auga ou de zume de arandos, 300 gramos de azucre e uns 20 gramos de fermento de panadaría. Metémolo nunha botella de plástico  de 1,5  ou 2 litros que, a media altura ten enfrontados catro buratos, en forma de cruz, duns 8 milímetros".

As velutinas entran e non teñen escapatoria. "A idea é colocalas perto de onde se viron niños o ano pasado, perto de flores ou dunha fonte de auga", que empregan para se alimentar e preparar a pasta coa que fan os seus niños, respectivamente. Segundo Esteban Jamardo, as velutinas teñen predilección polas camelias, sobre todo polas de flor con estames amarelos, e tamén polas froiteiras en flor, non moi lonxe de sitios resgardados do vento e da choiva.

A maioría da veciñanza xa coñece como traballan as velutinas. "Saben cando e como facer as súas trampas ou xestionar un aviso aínda que hai quen non se preocupa até que lle van ás uvas". Jamardo defende a loita contra a velutina como un labor colectivo no que a Administración e a comunidade científica teñen unha gran responsabilidade. "Os abelleiros tentamos cada ano mellorar a eficacia dos atraentes, das arpas eléctricas, pero cómpre investimento, investigación. Está o tema moi parado".