Abel Caballero, tras vacinarse: "É igual cal poñan, todas son moi boas"

Caballero, de 74 anos, recibindo a primeira dose da vacina de Pfizer/BioNTech, este domingo en Vigo (Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)

O alcalde de Vigo chama "a todo o mundo" a vacinarse contra a Covid-19 e pide á mocidade que acoda aos cribados masivos.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, recibiu este domingo, 18 de abril, a primeira dose da vacina contra a Covid-19 e fixo un chamamento "a todo o mundo" para que o faga. "É igual cal vacina lle poñan a un, todas son moi boas", asegurou.

O rexedor e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) estaba citado para as 9.30 horas no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), onde Sanidade tiña previsto inmunizar 5.400 persoas entre 70 e 79 durante a xornada co modelo de Pfizer/BioNTech.

Tras a inoculación, Caballero, que ten 74 anos, compareceu ante os medios para animar a "todos" a acudiren ás súas citas cando lles toque: "É rápido, está ben feito e salvamos a vida. É tan importante individual e colectivamente".

"Amabilidade"

O alcalde tamén destacou que "non hai tempo de agarda" e que "é rapidísimo". "Durante uns pouquiños minutos xa te van atendendo en todo o percorrido con moita amabilidade e moita eficiencia", asegurou.

Caballero relatou como unha enfermeira chamada Noemi inoculouno coa súa primeira dose "cunha enorme amabilidade". Despois pediulle que sentase durante cinco minutos "para asegurar que non hai reacción". "Nin sequera o sentín. A vacina nin se sente, non notas que te están a pinchar", confesou.

Dito isto, o alcalde de Vigo apelou a que "todo o mundo" acuda ao seu punto de vacinación "axiña lles chegue a notificación" do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Preguntado sobre que vacina lle puxeran, limitouse a responder que "a que tocaba": "Nin sequera preguntei". E salientou que "todas as vacinas son moi boas". Ademais, dixo que, aínda que por franxa de idade non lle tocaría, poría a de AstraZeneca "encantado", porque "os médicos son os que saben" e polo tanto os que "deciden".

Cribado con PCR

Ademais, Caballero aproveitou para se dirixir á mocidade da cidade e da área, que esta fin de semana foron chamados para un cribado masivo con PCR, para lles pedir que vaian e así "asegurarse de que non está ninguén contaxiado".

"Polo tanto, aos que aínda non lles toca a vacinación por razóns de idade e os chaman para facer unha PCR, que veñan e que fagan a PCR", concluíu.