Abegondo participa nun proxecto europeo de mobilidade sostíbel

Camiño arranxado en Orto que forma parte dos roteiros adaptados. (Foto: Concello de Abegondo)
O municipio partillará propostas e ideas para buscar medios de transporte máis ecolóxicos con entidades de Suecia, Italia e Grecia. O proxecto conta con fondos europeos e decorrerá durante algo máis dun ano.

O Concello de Abegondo vén de iniciar un proxecto de mobilidade sostíbel da man de Suecia, Grecia e Italia que procura o impulso a medios de transporte ecolóxicos e que eviten os danos ao medio ambiente

Esta iniciativa de cooperación internacional comandada por unha universidade sueca conta co apoio da Unión Europea e busca ferramentas innovadoras para que a xente aposte na procura doutros sistemas que permitan trasladarse. 

Baixo o epígrafe do proxecto Transit (Training Paths for Adults on Sustainable Mobility), o municipio das Mariñas contará con 40.000 euros para accións sostíbeis e que impliquen o cambio de hábitos da veciñanza. 

O primeiro paso para chegar a infraestruturas e campañas concretas vai ser compartir experiencias entre as vilas dos países participantes, que partillarán os pouco máis de 300.000 euros que achega a Unión Europea entre este mes e setembro de 2023. 

“Ao contemplar diversas realidades poderemos sumar esforzos e ideas para deseñar medidas innovadoras pero reais”, destaca o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso. 

Ademais de reunións a catro bandas, haberá un traballo previo de cada zona para analizar a situación de partida, é dicir, as opcións de transporte que hai agora, como se comporta a poboación, as propostas que ten feito a veciñanza...

Aposta na bicicleta

Neste sentido, para a localidade é fundamental que se use máis a bicicleta, pois xa hai algúns tramos e se vai rematar unha senda ao encoro de Cecebre grazas a unha aportación da Deputación coruñesa. 

“É un orgullo que un municipio pequeno como Abegondo sobresaia en Europa e, ademais, en materia ambiental”, subliña Santiso.