Educación

Arrinca a ABAU extraordinaria na Galiza e fechan a admisión estas 71 carreiras da UDC e a USC

Alumnado accedendo a unha das aulas da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC para realizar os exames da Abau. (Foto: Arxina)
Na primeira chamada á matrícula non se completou o cupo en ningún dos graos impartidos na Universidade de Vigo, nin no campus da cidade olívica nin nos de Pontevedra e Ourense.

Os graos en Medicina, Biotecnoloxía e Matemáticas son tres das 71 carreiras impartidas nas universidades galegas que esta terza feira, após a primeira chamada á matrícula, xa fecharon a admisión para o próximo curso. Quedaron completadas neste primeiro prazo, así, 38,6% do total, o que se traduce en máis dun terzo das 184 ofertadas no sistema universitario público da Galiza. Na Universidade de Vigo, porén, todas continúan abertas.

As notas de corte máis altas entre os graos xa fechados foron, como vén sendo habitual todos os anos, as dobres titulacións en Matemáticas e Física (13,614 sobre 14), e en Enxeñaría Informática e Matemáticas (13,310), ambas as dúas impartidas na Universidade de Santiago de Compostela. Séguenas, malia que xa por baixo do 13, as carreiras de Medicina (12,920), Biotecnoloxía (12,690), Matemáticas (12,538) e os dobres graos en Educación Infantil e Primaria (12,494) e Xornalismo e Comunicación Audiovisual (12,372), tamén da USC.

A maiores, dentro da mesma universidade, en Compostela non se admiten máis estudantes en Administración e Dirección de Empresas, Bioloxía, Comunicación Audiovisual, Dereito, Economía, Enxeñaría Informática, Enxeñaría Química, Filosofía, Física, Historia, Historia da arte, Lingua e Literatura Españolas, Lingua e Literatura Galegas, Lingua e Literatura Inglesas, Educación Infantil, Primaria, Química, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Xornalismo, Criminoloxía, Intelixencia Artificial, e as dobres titulacións en Dereito e Relacións Laborais, en Química e Bioloxía, en Química e Física, e en Farmacia e Óptica.

E no campus de Lugo, están xa fechadas Educación Infantil, Educación Primaria, Robótica, Bioquímica, Empresa e Tecnoloxía —tanto presencial como semipresencial— e os dobres graos en Enxeñaría Agrícola e Forestal, e en Infantil e Primaria.

Dentro da UDC, na Coruña xa non admiten máis alumnos e alumnas ADE, Bioloxía, Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Comunicación Audiovisual, Dereito, Economía, Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Social, Enxeñaría Informática, Náutica e Transporte Marítimo, Arquitectura Técnica, Fisioterapia, Turismo —só en modalidade presencial—, Arquitectura, Enxeñaría de Datos, Creación Dixital, Animación e Videoxogos, Nanociencia e Nanotecnoloxía, Intelixencia Artificial, e mais as dobres titulacións en Bioloxía e Química, en Turismo e Ciencias Empresariais, en ADE e Dereito, en Español, Galego e Portugués, en Inglés e Español, e o grao aberto en Ciencias Sociais e Xurídicas.

Finalmente, tamén na UDC pero no campus de Ferrol fecharon á primeira chamada Enxeñaría do Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto, Enxeñaría Mecánica, Xestión Industrial da Moda, Relacións Internacionais, o dobre grao en Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría Naval e Oceánica, e o grao aberto en Enxeñaría Industrial.

As persoas aspirantes que fosen convocadas para matriculárense nalgunha das carreiras do sistema público galego terán a partir desta medianoite e até as 23.59 horas da sexta feira, 14 de xullo, para formalizar a súa inscrición. Poden facelo tanto as persoas que estean chamadas no grao que sexa da súa preferencia como as que figuran como convocadas nunha titulación que non sexa a súa primeira opción. Estas últimas poden tamén optar por esperar a próximas chamadas, por se son aceptadas nun grao de maior preferencia. A segunda chamada será o sábado 15, con matrícula do 16 ao 17 de xullo, e a terceira, o 19, podendo formalizar a súa matrícula do 20 ao 21 de xullo.

Arrinca a ABAU extraordinaria

A partir da cuarta chamada, o 24 de xullo, xa se poderán incorporar as e os estudantes que aproben na ABAU extraordinaria, que precisamente decorre desde esta terza feira, día 11, e até a quinta, 13 de xullo.

A convocatoria extraordinaria da selectividade de 2023, na que participan un total de 2.751 alumnas e alumnos repartidos en 14 comisións delegadas, arrincou ás 10 horas co exame de Historia de España. Nesta primeira proba caeron diferentes textos para facer dúas composicións históricas a escoller entre tres propostas: a crise da monarquía absoluta no Estado español, outra sobre a cuestión nacional do último terzo do século XIX e outra sobre o golpe de Estado de 1936 e a guerra civil. Aliás, houbo unha pregunta para desenvolver un dos seguintes temas: o neolítico, a monarquía visigoda, a 'Reconquista' e a repoboación e a economía e a sociedade na Galiza dos Austrias.

O segundo exame da quenda de mañá foi o de Lingua Castelá e Literatura, a partir das 12 horas. O texto proposto para realizar un comentario crítico foi un artigo de Fermín Bocos publicado en outubro do ano pasado en Atlántico Diario sobre os asaltos acometidos contra pezas de arte por parte de activistas climáticos, así como o seu impacto mediático. Tamén houbo preguntas sobre A Fundación, de Antonio Buero Vallejo; Crónica dunha morte anunciada, de Gabriel García Márquez, e sobre a poesía e a novela española nas décadas posteriores á guerra civil, con exemplos de poemas de Gloria Fuertes e un fragmento de Cinco horas con Mario, de Miguel Delibes, respectivamente.