Xacebáns, unha 'aldea modelo' cercada por vehículos abandonados

Vehículos abandonados "desde hai anos" ao carón da 'aldea modelo' de Xacebáns. (Fotos: Nós Diario)
"Fixeron diversos traballos selvícolas mesmo ao pé dos coches tirados, sen que ninguén pensara que estes vehículos non deberían permanecer un so día mais dentro dunha 'aldea modelo'", lamentan axentes ambientais ourensáns, sobre a permanencia "desde hai anos" destes catro coches nun espazo que fai parte da Rede Natura 2000.

Axentes ambientais de Ourense veñen de emitir un comunicado no que denuncian o "abandono" que sofre parte do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, que fai parte da Rede Natura 2000 e conforma unha zona de especial conservación (ZEC) e de especial protección para as aves (ZEPA).

Dentro deste espazo protexido, explican, foron ciscados ao medio natural até catro vehículos en estado de desleixo. "Estes coches levan xa moitos anos afeando a paisaxe e constituíndo un grave risco de incendios", sinalan.

Xa en xullo de 2021 axentes ambientais do Servizo de Patrimonio Natural de Ourense alertaran destes feitos como unha infracción da Lei de patrimonio natural e biodiversidade da Galiza, responsabilizando o Concello de Quintela de Leirado, onde se atopan estes vehículos abandonados, como "propietario catastral da parcela e coñecedor dos feitos".

Un dos coches presentes neste espazo da Rede Natura.

Dáse tamén a circunstancia de que este desleixo está a producirse, inciden, a escasa distancia do espazo que abrangue a aldea de Xacebáns, nesta mesma localidade, declarada 'aldea modelo' pola Xunta da Galiza.

"Resulta cando menos sorprendente que a aldea de Xacebáns fose declarada modelo, nunha declaración que pretende pór en valor os terreos que a arrodean", salientan, en relación con este episodio de desleixo que denuncian.

Unha das actuacións desenvoltas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) a este respecto foron "diversos traballos selvícolas", lembran. Uns traballos que "realizaron mesmo ao pé dos coches tirados, sen que ninguén pensara que estes vehículos non deberían permanecer un so día mais dentro dunha 'aldea modelo', dentro dun espazo da Rede Galega de Espazos Protexidos".

"Pero, achegándonos ao ano 2023, aí seguen, sen que ninguén mova un dedo para retiralos, a pesar de estar nunha zona de fácil acceso, a escasos metros dunha pista", cuestionan os axentes ambientais.