Educación

O abandono escolar aumentou na Galiza en 20% e sitúase por riba da media europea

Ao redor de 3.000 estudantes saen cada ano da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) sen o título. (Foto: Europa Press)
Un de cada 10 estudantes non segue a estudar após o ensino obrigatorio.

O ensino obrigatorio no Estado español é até os 16 anos, mais a intención é que os estudantes prosigan a súa formación máis aló desa idade. Non sempre se consegue. Ao redor de 3.000 estudantes saen cada ano da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) na Galiza sen o título. É o denominado abandono escolar temperán, rapaces e rapazas que non completaron unha Formación Profesional (FP) Básica, de grao medio ou de Bacharelato e que non continúan con ningún tipo de formación.

A Galiza rexistrara en 2021 o seu mínimo histórico con 8,1%, mais en 2022 a porcentaxe repuntou até 9,9%. Isto supón 1,8 puntos de incremento, moi superior á media estatal, onde aumentou, pero en 0,6 puntos. Ademais, a Galiza rexistra unha porcentaxe de abandono escolar temperán superior á media dos 27 estados membros da Unión Europea, cuxo dato máis recente (2021) é de 9,7%.

Os datos do Ministerio de Educación publicados a inicios deste mes evidencian tamén que o abandono escolar en territorio galego foi en 2022 considerabelmente maior entre os homes (11,4%) que entre as mulleres (8,4%). O abandono temperán dos estudos marcou o seu pico para os homes hai dúas décadas, en 2002 (36%), e para as mulleres en 2009 (19,5%).

Evolución

Caeu tamén a porcentaxe de mozos e mozas de entre 20 e 24 anos que completaron, cando menos, a segunda etapa da Educación Secundaria Obrigatoria: 80,5%, fronte a 83,3% no curso anterior. A media da UE sitúase en 84,7%. Porén, este rexistro é superior ao do ano da pandemia, que ficou en 78,8%. Pola contra, medrou o pasado exercicio a proporción de galegos e galegas de entre 25 e 34 anos que contan con estudos superiores, pois son xa máis da metade dentro deste rango de idade: 52,5% do total, unha lixeira repunta comparando co dato de 2021 (49,8%).

No que atinxe á situación do abandono temperán da educación e a formación en 2022 por comunidade autónoma, os datos mostran que "se manteñen diferenzas significativas" entre os territorios. Destacan Euskadi, á cola con 5,6%, Nafarroa cun 5,7% e Cantabria cun 8,9%, e moi próximas fican a Galiza (9,9%) e Castela e León (9,9%). Sete comunidades quedan tamén por baixo de 15% e outras sete, entre 15% e 19%.

Por outra parte, as taxas de emprego da mocidade aumentan a medida que aumenta o seu nivel de formación: 78% dos mozos e mozas con estudos terciarios ten emprego no Estado, 20 puntos porcentuais por riba de quen ten como titulación máxima a ESO. É unha das conclusións que recolle o Ministerio de Educación do informe co que a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) radiografa a educación dos seus Estados membros.

A respecto destas cifras, a Consellaría de Educación alega que a Galiza segue a cumprir a meta que a UE fixou para o ano 2020 –o limiar estaría en menos de 10%–, que segue entre as cinco comunidades con mellores datos, que a subida é “xeneralizada, tras o acusado descenso” de 2021 “pola influencia da pandemia” e que o dato é o segundo mellor da serie.


A loita polo dereito a un ensino presencial

A reordenación da oferta formativa de FP por parte da Consellaría de Educación a poucos días de se iniciar o proceso de admisión para o próximo curso mobilizou estes días as comunidades educativas afectadas polos cambios que introduce a Xunta da Galiza, "sen publicidade, sen xustificación, de forma unilateral, sen consulta nin negociación previa cos centros", afirmaba a Nós Diario Fátima Ferreiro, do IES Chapela (Redondela), un dos principais prexudicados na contorna de Vigo.

"Onde se está a dar este golpe tan importante co cambio á modalidade a distancia é en sectores altamente feminizados", alertou Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino. A supresión da modalidade presencial nos ciclos formativos do réxime de persoas adultas recibiu unha contestación unánime pola comunidade educativa.