Abanca funda a súa universidade privada

[Imaxe Escola de Negocios Afundación]

O Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa (IESIDE) terá presenza en Vigo, Pontevedra, A Coruña, Lugo Ourense e Ferrol e é propiedade de Abanca. 

Até o momento Galiza non contaba practicamente con presenza de universidades privadas no ensino superior. Apenas o Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galiza (CESUGA), adscrito á Universidade San Jorge, impartía algunhas titulacións no Campus da Coruña.  Porén, Abanca vén de fundar o Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa (IESIDE), un espazo con presenza en Vigo, Pontevedra, A Coruña, Lugo Ourense e Ferrol.  que impartirá no vindeiro curso (2016-2017) o grao de ADE, o MBA, seis títulos duais de Bachelor in Business Administration/ADE coa Dublin Business School e 26 titulacións propias de mestrado, especialista e experto. 

Para alén diso, incluirá a Escola de Negocios de Abanca, con novas liñas de estudo, e porá en andamento a Escola Interdisciplinar da Empresa, o Centro Interuniversitario da Empresa, o Centro de Investigación Abanca e o Centro de Innovación e Tecnoloxía Abanca, segundo explicou o presidente da entidade financeira, Juan Carlos Escotet. 

Galiza era un dos catro terrotorios do Estado español que non contaban con universidades privadas

A entidade financeira asegura que quere "completar" con este proxecto a "oferta universitaria" existente na Galiza, "máis que competir", ao tempo que "reter talento e atraelo".

Porén, o custe que deberá asumir o estudantado, se ben non foi concretado na comparecencia de imprensa na que foi presentado o IESIDE, será superior ao da universidade pública pois "queremos que sexa competitivo en calidade", din desde Abanca en declaracións recollidas pola axencia de noticias Europa Press. Aliás, só contará con bolsa o 25% do mesmo tendo "priridade", din, "aqueles que teñan necesidade". Ora ben, acrecentan, "non queremos bolsas de contemplación", dixo Escotet. "A ninguén se lle debe agasallar nada". 

A formación combinará modelos presenciais con titulacións online orientadas ás empresas que contarán mesmo con cursos corporativos. 
 

Fe de grallas. Por erro inicialmente sinalouse que esta era a primeira universidade privada no país. Porén, o CESUGA imparte titulacións privadas na Coruña como xa se corrixiu na información.