As plataformas de afectad@s polas preferentes denuncian ser albo dunha represión “sistemática”

Preferentes

A compostelá Vanessa Nieves declarou no xulgado imputada por un “delicto contra as institucións do Estado” por protestar no Congreso

Hai unha “represión individual, mais sistemática” coa que se intenta desmontar e frear as mobilizacións e protestas d@s estafad@s polo calote das preferentes. Así o denuncian desde as plataformas de afectados que nesta terza feira se deron cita en Compostela para apoiar a Vanessa Nieves Nieto.

Vanessa Neves é unha veciña de Compostela que tivo que declarar nos Xulgados como imputada, acusada dun delito contra as institucións do Estado. E por que? Por protestar o pasado mes de abril no Congreso español contra o calote das preferentes. Esta moza compostelá afirmou, en declaracións recollidas por Europa Press, que “puiden expresar con tranquilidade todo o que aconteceu ese día”. Vanessa Neves quixo agradecer o apoio recibido.

Apoios

Entre @s concentrados nos Xulgados de Fontiñas estaban membros das plataformas de afectad@s de Compostela, O Salnés, Condado-Paradanta, Lugo, A Estrada ou Baixo Miño, así como a deputada do BNG Ana Pontón e o responsábel de Organización da fronte nacionalista, Bieito Lobeira

Desde as plataformas enmarcouse este xuízo na ringleira de denuncias e multas a preferentistas ao longo destes meses. Unha “represión” que entenden que quere tronzar o movemento social que reaxe en Galiza “contra o calote”.