O alivio da presión hospitalaria reforza o descenso da Covid na Galiza

Un garda de seguridade vixía o acceso a un punto de tests de antíxenos (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
A situación epidemiolóxica mellora tras unha nova caída dos casos activos, os contaxios e os doentes ingresados con coronavirus.

A evolución da pandemia segue a ser positiva. Os casos activos de Covid caen por baixo do 4.000 por primeira vez desde principios de xullo. Concretamente rexístranse 3.986 infeccións e os novos contaxios volven situarse por baixo dos 150. 

Así, segundo a información notificada polo Sergas, nas últimas horas confirmáronse 146 novos contaxios, o que supón 30 casos menos que os notificados a xornada anterior.

Por áreas, na da Coruña detectáronse 51 novos positivos, 18 na de Santiago, 24 na de Vigo, 27 na de Lugo, 15 na de Ourense, oito na de Pontevedra e tres na de Ferrol.

Polo que respecta aos casos activos, descenden en todos os distritos. O  maior número de persoas enfermas está na área da Coruña, con 1.064, seguida da de Lugo, con 803 casos; Santiago, con 670; Vigo, con 581; Ourense, con 443; Pontevedra, con 240, e Ferrol, con 185 casos.

Presión hospitalaria

Ademais, a presión hospitalaria derivada da Covid segue a diminuír. Nas últimas horas os pacientes ingresados caeron até os 152. Con todo, tan só as unidades convencionais rexistraron alivio.

Así, hai 109 persoas en planta cunha PCR positiva e 43 en unidades de coidados intensivos: 13 na área da Coruña (-1), sete na área de Vigo (sen cambios), cinco na área de Ferrol (sen cambios), oito na de Ourense (sen cambios), catro pacientes en UCI na área de Pontevedra (sen cambios) e cinco en Lugo (+1), mentres que en Santiago queda un paciente en críticos (sen cambios).

Falecementos

Desde o inicio da pandemia faleceron con Covid un total de 2.598 persoas tras notificar Sanidade tres mortes, a de tres mulleres de 57, 81 e 82 anos nos hospitais da Coruña e Lugo.