Acto de presentación de Xornalistas Galegas

As mulleres queren mover o mundo (e os medios)

Presentación da mesa redonda no acto de Xornalistas Galegas

Conforme se achega a fin de semana, a Facultade de Ciencias de Comunicación vai ficando baleira. O estudantado é moi dado a non aparecer a sexta feira. O edificio de Álvaro Siza, que xa é frío de por si, convértese entón nun lugar semi-desértico.

No entanto, o pasado sábado 10 de novembro unha marea de mulleres invadiuno todo. Eran as Xornalistas Galegas, colectivo xurdido ao redor do 8 de marzo. Estaban nerviosas, tratábase dunha data importante. Ante elas tiñan un salón de actos cheo de mulleres que depositaban nelas a súa confianza de cara a unha mudanza do discurso mediático.

 

Comezaban o acto lembrando o seu xermolar nun acto en Madrid organizado por Las periodistas paramos. Foi ao se decataren da unión feminina noutros recunchos do estado español que decidiron xuntar forzas. O manifesto veu a luz o pasado xullo.

 

O acto foi a culminación duns meses de moito traballo á hora de sentar as bases. Mais foi tamén o inicio do traballo de campo. Anunciaron, pois, dúas medidas que consideran fundamentais para corrixir o nesgo de xénero nos medios de comunicación. A elaboración dunha axenda de expertas que pasarán a redaccións de todo o país e a creación dun observatorio feminista, que sacará o seu primeiro informe o próximo 8 de marzo.

 

Contaron con dúas madriñas exemplares. Históricas feministas galegas como son Margarita Ledo e Rosa Cobo. Ledo, xornalista, cineasta, académica e primeira muller en gañar o premio Otero Pedrayo, amosouse cómplice e orgullosa de ver o traballo dunha vida reflectido nas xeracións que a preceden. Contou como ao licenciarse en xornalismo no ano 1973 non a querían coller en ningún xornal porque “unha muller non encaixa co perfil que buscamos”. E incitou as alí presentes a non deixarse amedrentar. “Temos dereito a loitar polos nosos dereitos” Tivo tempo tamén de se lembrar do persoal da TVG en protesta contra a manipulación informativa, a quen adicou a súa intervención. Pola súa parte, Cobo, teórica do feminismo, profesora de socioloxía e directora do Centro de Estudios de Xénero e Feministas da Universidade da Coruña, incidiu na importancia deste tipo de actos para cambiar as tornas dunha sociedade patriarcal. “A desigualdade non é algo opinábel. Existe e ten raíces moi fondas. Na sociedade civil está a orixe de todos os cambios”, dicía.

 

Pero non foron os únicos apoios. Entre o público, caras coñecidas como Olalla Rodil e Tati Moyano. E nos vídeos proxectados, Suso de Toro, Javier Rey ou Ledicia Costas sumábanse aos azos á formación. “Estamos fartas de que nos desacrediten na esfera pública cando somos quen sostemos a esfera privada”, sentenciaba a escritora viguesa.

 

A desigualdade non é algo opinable. Existe e ten raíces moi fondas

 

Finalmente unha mesa redonda de mulleres destacadas nos seus ámbitos respondeu á pregunta Por que  é necesario un xornalismo con perspectiva feminista?. A súa presenza foi amplamente aplaudida. Dende os seus campos, algúns tan masculinizados como a ciencia, a xustiza ou os deportes, Paz Filgueira, Joana Magalhães, Alba Nogueira, Silvia Pérez Freire, María Xosé Porteiro e Elena Roca aportaron datos e experiencias persoais nos seus encontros cos medios.

 

Magalhães, por exemplo, insistiu na importancia de aplicar cotas de xénero as fontes con datos tan desoladores como que só 20% das fontes citadas en novas sobre ciencia son mulleres, cando son 40% do total de traballadoras. Roca fixo o mesmo co seu, engandindo que na prensa deportiva só 7% das noticias tratan sobre mulleres.

 

A xornada rematou cunha sensación de orgullo e sororidade. Tras escoitar as testemuñas, as asistentes decatámonos de que un xornalismo feminista é posíbel e que está na nosa man cambialo. Unidas somos máis fortes. As xornalistas feministas chegaron para non marchar.